DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vindeira semana bota a andar un curso sobre a infancia e adolescencia na UE

Os menores, un dos desafíos para a xustiza da Unión Europea

Ao abeiro do Módulo Jean Monnet Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 27/05/2011

No espazo de xustiza, liberdade e seguridade que representa a Unión Europea, os menores de idade seguen representando un desafío en moitos eidos como as migracións, as adopcións internacionais, o contrato de ventre de aluguer ou mesmo a trata de seres humanos con fins de explotación, tanto sexual como laboral ou para a mendicidade.

Nestes retos que ten por diante o ‘espazo federal xudicial’ céntrase o curso Unión Europea e Menores, que bota a andar o vindeiro día 2 ao abeiro do Módulo Jean Monnet Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social. As súas organizadores explican que a finalidade é esencialmente divulgativa, “dar a coñecer a normativa da Unión Europea que ten aos menores como protagonistas”, tocando tanto as vantaxes como as eivas do sistema.

Tras unha primeira xornada para explicar en que consiste este novo marco legar europeo que é o ‘espazo federal xudicial’, o curso dividirase en dous bloques principais, un cos menores como vítimas e outro dende o punto de vista da prevención da delincuencia.

Máis aló das fronteiras

Novas formas de cooperación xudicial máis aló das fronteiras e novos actores. Ante esta nova perspectiva é preciso analizar e debater sobre as novas necesidades dun panorama cambiante, neste caso relacionado cos dereitos e a protección dos menores nos países da UE. Esta reflexión farase coa colaboración e as achegas ao longo deste curso de diversos expertos e profesionais do dereito, da socioloxía e da xudicatura. Tras unha primeira xornada centrada en debuxar o panorama da cooperación xudicial europeo, darase paso a un segundo día para afondar tanto nas distintas formas de discriminación das nenas como nas migracións e os menores non acompañados xa que, como explican as organizadoras, “teñen menos de 18 anos a maioría dos que chegan ás costas europeas en pateras”.

Unha terceira xornada achegará aos asistentes as premisas, condicións e lexislación relativa entre outros temas ao contrato de ventre de aluguer ou á adopción internacional. Na cuarta xornada tratarase especialmente ao menor como vítima das tedes de trata de seres humanos, non só para a explotación sexual, senón tamén para a laboral ou mesmo para a mendicidade.

A xornada de peche, o 24 de xuño, achegará unha perspectiva centrada na prevención da delincuencia. Dende a organización explican que o salto entre vítima e delincuente xuvenil pode ser moi habitual e remarcan a necesidade de políticas de prevención, aínda que tamén se afondará “no núcleo máis duro da delincuencia xuvenil, como son o terrorismo e as bandas” e na necesidade ou non dun endurecemento das penas para os menores.

Prezos e prazos

O período de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de xuño, día previo á inauguración. As 100 prazas ofertadas son de balde e a duración, 40 horas, validarase por un crédito ECTS. O curso celebrarase na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo os días 2, 3, 9, 17 e 24 de xuño.