DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun ciclo de proxeccións que percorre as obras do director xermano Harun Farocki

Os mércores na Casa das Campás, cine independente alemán

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 14/03/2012

A programación cultural do campus pontevedrés volve dedicar un día da semana á proxección de películas pouco accesibles por canles convencionais. Todos os mércores do segundo cuadrimestre a comunidade universitaria e toda a cidadanía poderán coñecer de primeira man a obra cinematográfica do director alemán Harun Farocki, “un dos máis relevantes practicantes do pensamento audiovisual contemporáneo”, comenta Suso Novás, coordinador das xornadas. A Casa das Campás acollerá este ciclo de cine que dará comezo o próximo mércores 21 de marzo coa proxección dos filmes Fogo inextinguible e Traballadores saíndo da fábrica.

Esta actividade nace co obxectivo de ofrecer á poboación pontevedresa unha oferta alternativa ás películas comerciais que se proxectan nas salas de cine da cidade. Como sinala Novás, este proxecto fai unha aposta pola formación audiovisual “transcendendo a mera exhibición para tentar establecer canles de diálogo entre a obra e os seus espectadores”. Este ciclo de cine trata de xerar un espazo referencial de intercambio de opinións, diálogos e reflexións “que posibilita un achegamento contextual a prácticas estético-políticas na esfera audiovisual e cinematográfica”, engade.

Continuidade co cinema alemán

A Casa das Campás xa acollera con anterioridade proxeccións de cine alemán contemporáneo, pero desta volta o ciclo deseñado fará un percorrido polas obras de Harun Farocki, “que a pesar de ser un referente, é un realizador practicamente descoñecido en España”, apunta o coordinador da actividade. Novás fixo unha selección de nove películas que amosarán “como o realizador alemán afonda na verdadeira natureza da imaxe que será cuestionada pola súa visión clínica e lúdica, mostrando o que verdadeiramente se agocha tras o rodado”. Esta actividade conta co apoio da Goethe Institut, “unha institución que pon á disposición da Vicerreitoría do campus un magnífico catálogo que posibilita a programación de actividades afastadas da tendencia audiovisual dominante”.

As sesións, que comezan cunha introdución da peza audiovisual para dar paso á súa proxección e un posterior coloquio, manteranse ata o vindeiro mércores 16 de maio. As longametraxes escollidas, que fan un percorrido polas principais inquedanzas do autor, continuarán o mércores 28 de marzo coa proxección da peza Como se ve; para o 11, 18 e 25 de abril emitiranse Imaxes do mundo e epígrafes de guerra, Videogramas dunha revolución e Natureza Morta respectivamente e finalmente para o 2, 9 e 16 de maio, Imaxes de prisión, Recoñecer e perseguir e Literalmente non sen risco.