DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres na ETSE de Telecomunicación, organizado polas tres universidades galegas

Os métodos matemáticos e a problemática da realidade empresarial conflúen no VI Foro de Interacción Matemática Aplicada Industria

A investigación de enerxías renovables ha ser un dos temas a debate

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 16/04/2009

O campus de Vigo acolle este ano o VI Foro de Interacción Matemática Aplicada Industria, que se celebrará este venres, 17 de abril, no salón de actos da ETSE de Telecomunicación. Trátase dunha reunión anual, organizada polas tres universidades galegas, onde diferentes empresas invitadas formulan problemas que xorden no seu ámbito de actuación e que son susceptibles de seren tratados mediante métodos matemáticos e numéricos. “Dúbidas e dificultades relacionadas con mecánica de fluídos, cálculo de estruturas, transferencia de calor, acústica, electromagnetismo, finanzas cuantitativas ou avaliación do impacto ambiental son algunhas das más frecuentes”, explica José Durany, profesor do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo
Este ano cóntase coa presenza de empresas nacionais como Iberdrola, Micronics, ITAV ou Labein Tecnalia. O público asistente, profesorado e alumnado dos últimos cursos, maiormente do ámbito tecnolóxico, “intentarán botarlle unha man nas dificultades que estas presenten, empregando o tema incluso para proxectos de mestrado”, sinala Durany.
Cada ano trátase non repetir a temática, “expoñendo unha variedade de cuestións para evitar a monotonía”. Deste xeito, unha das novidades desta edición céntrase en temas “actualmente de moda como son a investigación de enerxías renovables de tipo xerador eólicos e ondada mariña”. Noutras ocasións, por exemplo, “fíxose máis fincapé no sector naval ou no da automoción”.

Relación empresa-universidade

As metas e finalidades deste foro resúmense, segundo a organización, en cinco puntos, todos eles orientados a que “empresa e universidade manteñan unha estreita colaboración”, apunta Durany.
O primeiro ha ser formular as posibles necesidades da industria e da empresa en relación cos métodos matemáticos e a simulación numérica para a resolución de problemas. Seguindo na mesma liña, tamén se intentará incrementar as relacións entre as entidades e a universidade no campo da Matemática Aplicada, “amosando o seu potencial e estimulando a cooperación”, subliña Durany, abrindo, ao mesmo tempo, liñas de investigación cara cuestións de interese para a empresa. Neste senso, outro dos fins é promocionar o emprego dos modelos matemáticos e as técnicas computacionais e de simulación numérica na industria e favorecer a incorporación de técnicos especializados no mundo laboral.

Programa da xornada

Despois da inauguración darán comezo os diferentes relatorios que se sucederán ao longo da mañá, facendo unha pausa para o xantar, e continuando ata ás 18.00 horas no que a xornada quedará clausurada.
José C. Araújo, de Iberdrola, fará unha presentación dos Modelos para a optimización da enerxía eólica; Gerardo López, da empresa luguesa Norvento, exporá o Aproveitamento da enerxía da ondada en Galicia e, por outra parte, Juan San José, chegado dende o País Vasco, ofrecerá o relatorio Conformado electrohidraúlico.Tamén haberá tempo dedicado ao aspecto académico da man de José Durany que fará unha presentación do Mestrado Interuniversitario de Enxeñaría Matemática, unha das raíces do nacemento deste encontro. Estes e outros relatorios compoñen a xornada na que tomarán parte un cento de participantes. Non obstante, de xeito paralelo, serán retransmitidos a través da web de UvigoTV.