DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tui acollerá do 28 ao 30 de abril o Congreso Internacional de Muiñoloxía

Os muíños, un patrimonio etnográfico que reflicte os sinais de identidade dun pobo

A organización recibiu xa medio cento de comunicacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/03/2012
A falta dun mes para a celebración do 8º Congreso Internacional de Muiñoloxía en Tui, o comité organizador recibiu xa medio cento de comunicacións de expertos de España pero tamén de países como Italia, Portugal e México. E é que os muíños, como patrimonio etnográfico “forman parte da sociedade e son un dos sinais que identifican unha cultura popular que abrangue o xeito de pensar dun pobo”. Así o explica Xabier Lores, presidente de Amigos dos Muíños e do comité organizador do congreso que se celebrará entre os días 28 e 30 de abril como “unha canle para dar a coñecer a toda a opinión pública os traballos realizados para pór en valor estas construcións e o crecente interese que se está a poñer para que estes indicios da nosa cultura non desaparezan”, explica.

A Universidade de Vigo colabora na organización deste evento, no que toman parte varios docentes e investigadores, e ten solicitado ademais un crédito de libroeconfiguración por esta actividade, dado o seu interese para estudantes de titulacións de ciencias.

Unha sinal de identificación

Xabier Lores destaca a importancia dos muíños na cultura dos pobos porque, a pesar de que nacen espontaneamente nos medios rurais como modo de subsistencia, “a súa frenética actividade popular acabaría por ter consecuencias nos eidos da cultura, dos costumes, das tradicións, dos oficios artesanais e, en definitiva, nos xeitos de vida da poboación sobre todo no rural”. Dada esta relevancia, dende a asociación Amigos dos Muíños consideran “de xustiza” que todos os científicos, investigadores, etnógrafos antropólogos xuntamente con muiñeiros e persoas relacionadas cos muíños, se xunten nun foro de carácter internacional, para “elaborar conclusións sobre as pegadas que deixaron os muíños, defender a súa recuperación e restauración e marcar as liñas que deben configurar a súa conservación como bens etnográficos de interese cultural e como sinais da identidade dun pobo”.

Ao longo das tres xornadas, o congreso céntranse fundamentalmente nos muíños e en todos os enxeños que teñen como medio de propulsión a enerxía hidráulica ou eólica, pero trataranse catros bloques temáticos centrais: por unha banda a enxeñaría e industria, por outra a arquitectura e rehabilitación, nun terceiro bloque tratarase as representacións da cultura, historia, arte e música e, finalmente, nun cuarto bloque economía e produción, así como o financiamento e lexislación dos elementos patrimoniais.

Xabier Lores explica que a importancia destas construcións queda patente na gran tipoloxía de muíños, diferenciados entre os de auga, de vento e de marea, e os chamados norias de sangue, aínda que os expertos traballan tamén con tipoloxías derivadas da súa propiedade (muíños de herdeiros, de particulares e das institucións) e derivadas da súa actividade. “Todas estas tipoloxías de maquinaria non industrial tiñan como elemento común o seren movidas por medio da auga ou do vento”, apunta o presidente de Amigos dos Muíños, e “dende o punto de vista da investigación científica, son todos obxecto de estudio neste congreso”.

A prol da restauración

Na actualidade colectivos, asociacións, xuntas de montes, concellos e institucións veñen promovendo a restauración dos muíños e outros elementos do patrimonio etnográfico, non só a nivel de Galicia senón tamén en todo o territorio español. Lores considera “positivo seguir restaurando e recuperando todo o que fale da historia máis recente dos pobos, que reflicten a transmisión da cultura cara as vindeiras xeracións a través non só das actuacións físicas senón tamén da recuperación e posta en valor do vocabulario específico, cantigas, lendas e testemuñas orais que configuran un período da historia recente”. Por este motivo, no congreso preténdese potenciar este tipo de restauracións, que sexan motivación para a revitalización das aldeas e do mundo rural galego.

A organización baralla a posibilidade de que poñer a disposición dos inscritos dun autobús que os traslade do centro do Vigo ao lugar de celebración do congreso, na vila de Tui. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 25 de abril.