DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan José Crespo, médico da Unidade de Medicina Deportiva da Universidade:

"Os niveis de sedentarismo na Universidade están por riba do 40%, é unha taxa moi alta"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 29/01/2010

“É importantísimo facer un chequeo médico antes de comezar a realizar unha actividade deportiva”. Quen fai esta recomendación é Juan José Crespo, doutor da Unidade de Medicina Deportiva da Área de Deporte e Saúde do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo. Con moitos anos de experiencia nesta especialidade, mesmo como médico do RC Celta de Vigo, exerce tamén como profesor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde imparte as materias de Fisioloxía Humana e Fisioloxía do Exercicio na Licenciatura de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. No campus de Pontevedra atende todos os xoves pola tarde no consultorio da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal e considera que, para comezar a facer deporte é preciso, “cando menos, facer previamente un electrocardiograma, un cuestionario de antecedentes e unha auscultación cardíaca”. Nesta entrevista achega tamén datos dos hábitos deportivos da nosa comunidade universitaria e amosa certa preocupación polo aumento do sedentarismo e do tabaquismo entre os máis novos.

Que servizos ofrece a Unidade de Medicina Deportiva da Universidade?
En primeiro lugar, ofrece as revisións médicas previas ao inicio de programas de exercicio, un recoñecemento que inclúe unha exploración xeral, un cuestionario de antecedentes, un electrocardiograma e algunha proba máis dependendo de se a persoa ten algún problema ou non, como unha espirometría se é fumadora. A partir dos resultados danse unhas instrucións aos técnicos do exercicio da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario, para mellorar o peso corporal en caso de sobrepeso, para atenuar dores e molestias en caso de problemas osteoarticulares ou para correxir actitudes posturais erróneas e en xeral marcar a intensidade do exercicio e como se vai continuar. Logo tamén pode vir á consulta alguén para facer unha dieta deportiva ou pedir un consello dietético e mesmo podemos analizar lesións deportivas. Ademais dese recoñecemento básico e inicial que comentaba, pensado para aquelas persoas que son normalmente sans, nalgúns casos necesítase unha proba de esforzo. Se hai que facela, fíxase outra visita para realizar unha ergometría para saber que o organismo responde correctamente ante o esforzo.

Como se determina se hai que facer esta proba?
Ás veces hai xente que ten antecedentes, que é hipercolesterolémico ou que ten algún problema de saúde. Hai uns criterios que se aplican mundialmente establecidos polo ACSM (American College of Sports Medicine), e nisto os americanos levan bastantes anos traballando, que fixan unhas pautas das revisións que debe realizar unha persoa que vai comezar a facer deporte. Entón, aquelas que teñan algún factor de risco cardiovascular, antecedentes familiares ou que tiveran algún síntoma cardíaco necesitan antes de iniciar un programa de exercicio, para maior seguridade, realizar non só un recoñecemento médico básico, senón tamén unha ergometría. Con iso obtemos maior seguridade, de algunha maneira hai unha exploración que garante, sabemos que non ao 100%, pero si cunha alta probabilidade, que esa persoa non teña por que sufrir ningún problema porque non se detectou non exames previos.

É, polo tanto, sempre recomendable facer unha revisión antes de comezar a facer exercicio.
Totalmente, vemos diariamente na prensa a cardiólogos eminentes dicíndoo. É importantísimo cando menos facer un electrocardiograma, un cuestionario previo sobre os antecedentes familiares e unha auscultación cardíaca para saber se unha persoa ten algún risco e evitar sorpresas. Iso para comezar, logo o resultado desa exploración dirá se é preciso facer outras probas.

Existe demanda entre a comunidade universitaria deste servizo?
Realmente o ano pasado comezouse moi tarde e non deu tempo, a estrea da unidade coincidiu case co final do curso. Co reinicio da actividade en principio pensamos que si está tendo demanda. Ademais a actividade deportiva en Pontevedra é moi alta, hai unha incidencia alta de persoas que realizan exercicio na cidade e no ámbito universitario tamén.

Agora que estamos en época de exames, que consellos de saúde e actividade física lles daría aos estudantes para afrontar mellor o esforzo e a presión?
En principio sempre hai tempo para practicamente todo. É certo que cando estás preparando os exames dedícaste máis a estudar que a facer exercicio, pero saír simplemente a camiñar ao aire libre, facer unha mínima actividade, saír a pasear, coller unha bici ou incluso, se xa se ten o hábito, saír a trotar ou a correr 30 ou 40 minutos é moi interesante. Desde logo hai unha cousa que está clara, que o exercicio físico mellora os niveis cognitivos das persoas, sobre todos dos maiores, e crese que incluso axuda a previr, dunha maneira pequena pero importante, o alzheimer. Está demostrado que as persoas que realizan actividade física teñen tamén un rendemento cerebral, cognitivo e memorístico mellor. E isto é así simplemente por unha causa, porque a osixenación cerebral é moitísimo mellor.

Existen estudos sobre os hábitos de actividade física entre os estudantes da Universidade de Vigo? A pesar de que escoitamos a diario que o sedentarismo é negativo para a saúde, son os nosos estudantes sedentarios?
Son maioritariamente sedentarios. Hai un estudo feito do ano 2007 desde a propia Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde por entrevistas e cuestionarios validados evidentemente para detectar niveis de actividade física desde o punto de vista da regularidade, cun mínimo de tres días á semana segundo o que recomendan as sociedades científicas especializadas, non se chega a facer ese exercicio físico saudable por unha porcentaxe alta do estudantado. Os niveis de sedentarismo están por riba do 30% e do 40%, o que significa un nivel moi alto de prevalencia.

E o persoal docente e investigador, pois en xeral o seu traballo tamén é moi sedentario e require pasar moitas horas diante dun ordenador para preparar as aulas?
Que eu saiba non hai estudos a nivel de toda a Universidade, pero moi probablemente, polo que vemos na participación en actividades deportivas, aínda que non sabemos se logo a xente que vai a ximnasios privados ou fai actividades de ocio e de tempo libre pola súa conta, eu sospeito que debe ser un nivel tamén bastante sedentario.

E cales son os beneficios do deporte de cara ao tratamento do estrés, de trastornos máis de tipo emocional que físico? No ámbito no que nos atopamos, pola carga de estudo ou de traballo no caso dos docentes, tamén adoitan aparecer casos deste tipo.
Está xa bastante demostrado que o exercicio físico beneficia nos trastornos emocionais tipo da ansiedade e mesmo depresivos e loxicamente beneficia ao estrés e en canto á calidade do sono. Hai estudos moi potentes, estamos falando xa de ensaios clínicos, non de estudos simplemente observacionais, onde se demostra que as persoas que realizan actividade física teñen mellor calidade de vida, mellor benestar emocional, menos tendencia á depresión, mellor calidade do sono... En xeral contestan mellor aos cuestionarios de calidade de vida relacionada con saúde. De entrada, ao mellor hai algunha persoa na que pode ser que non faga un efecto tan importante como noutras, pero en xeral, debe prescribirse a actividade física para este tipo de problemas porque está demostrado que funciona.

Neste sentido, é abondo a oferta de programas deportivos da Universidade de Vigo?
Eu penso que si, están todas as actividades deportivas habituais de todos os anos, ao que se engade a oferta do programa En boa forma e hai tamén actividades tipo como camiñadas e roteiros culturais, actividades en piscina... Penso que en principio se cobre bastante ben o espectro dos gustos que poden ter as persoas por distintas actividades físicas. Aínda que evidentemente todo é mellorable, penso que si hai unha oferta variada.

Como conclusión, poderiamos dicir que o ámbito universitario é favorable para que todos apliquemos o latinismo mens sana in corpore sano.
Totalmente, se non temos un corpo san dificilmente podemos ter unha mente san, e o contrario tamén. O que falabamos antes do sedentarismo na poboación estudantil é alarmante, estamos recibindo unha poboación que foi abandonando o deporte. Agora está a facer deporte entrando máis xente maior e está deixando de facelo a que normalmente era antes a que o facía, en torno á adolescencia ou adolescencia tardía. Hai que insistir nisto porque se está dando tamén un repunte na incidencia do tabaquismo en adolecentes, incriblemente cando noutras poboacións está baixando, e que se reflicte, por exemplo, nun estudo epidemiolóxico da enquisa de saúde pública do Instituto Nacional de Estatística.