DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inés Iglesias, decana de Dereito:

"Os nosos alumnos son tratados de xeito individual, non se perden no anonimato"

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 05/12/2007

No ecuador do seu mandato, Inés Iglesias, decana de Dereito amósase moi satisfeita co labor que está a desenvolver o seu equipo, que xa cumpriu cos obxectivos que se marcara no programa. Aínda así afronta o ano e medio que lle resta con múltiples proxectos entre os que se atopa a plena adaptación ao EEES.

Tras máis dun ano como decana de Dereito, que balance fai deste tempo ao fronte da Facultade?
A valoración é moi positiva porque dende que comezamos, tiñamos un programa moi definido no que estaban cousas como a implantación dun curso de especialización, a consolidación dun título propio e o realizar xestións para a firma dun convenio para o Máster da Avogacía. Todo esto xa está feito ou en vías de resolución inmediata, de feito o posgrao en Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente é un posgrao oficial co que nos incorporamos ao EEES satisfactoriamente e cunha prontitude que roza o inmediato pois tomei posesión en xullo e en outubro xa estaba en marcha e este curso foi implantado. Foi un éxito porque de 40 prazas ofertadas houbo 90 solicitudes. Participo nel en calidade de profesora e os alumnos asisten con regularidade, participan e están moi contentos coa marcha dun curso de especialización. Practicamente poderíamos dicir que é único en todo o territorio nacional e que convocou a todo tipo de persoas, non só do ámbito do dereito e profesionais, algúns deles en exercicio e outros que queren comezar a súa carreira neste sector.
Por outro lado, o título propio do que son co directora, o de Información Técnica do Medicamento, está rematando o proxecto de fin de carreira e con isto a primeira edición de graduado superior. Inaugurouse xa o curso de grao universitario con 30 novos alumnos e agora mesmo é unha docencia virtual que se consolida e que xa pasa dos 120 créditos iniciais a 180 créditos. A próxima promoción sairá á luz ao cabo dos 3 anos de que consta e ademais coa vantaxe de que recibiu a ratificación dun laboratorio como Merk que é colaborador directo e doutros cos que se está a negociar o convenio para que se poida ofrecer bolsa de traballo, prácticas e outro tipo de colaboracións sen que se fagan extensivas a todos os centros da UVigo, que sexan só para a Facultade de Dereito de Ourense e concretamente para o título propio do que estamos a falar.

O día da súa elección destacaba no programa catro liñas de traballo: promocionar a Facultade para captar alumnado e dotar aos estudantes de melloras e facilidades para a súa educación, que xa comentou anteriormente pero, que se está facendo en canto á mellora da docencia e a investigación?
Estou moi contenta porque as cumprín todas nun ano, empecei con moito ímpeto e estamos moi contentos de todo o que se fixo. A verdade e que conto cun equipo extraordinario, moi xove, moi capaz e que está en continúo movemento. E noto que na Facultade hai tranquilidade, serenidade, que se traballa a gusto e que os alumnos están a gusto, iso non sei se o poderán dicir todas as facultades, aquí os estudantes forman parte da comunidade universitaria.
Mellorar a docencia é un dos obxectivos principais que imos cumprir incorporándonos ao EEES co posgrao e o grao nos prazos que nos corresponde porque agora mesmo non podemos, temos que esperar porque non somos titulación única. Temos unha oferta educativa consolidada e defendemos tamén o tradicional, o licenciado en dereito clásico. Temos moi boas relacións coa sociedade ourensá e cos colexios profesionais vía convenio ou de xeito directo con colaboracións. Temos o apoio de todas as institucións locais coma o Concello e a Deputación e temos relacións excelentes co Vicerreitorado, o Reitorado e o Consello Social da Universidade de Vigo porque tamén dentro do meu mandato se incorporou un convenio coa editorial Tirant Lo Blanch para fomentar non só a docencia senón tamén a investigación para que todos os profesores que queiran poidan publicar.

Unha das apostas máis novidosas do seu equipo é a incorporación da figura do vicedecano de Estudantes. Que aporta na relación cos alumnos?
É un vínculo de representación directa co alumnado. Que a voz do estudante pase de oírse a escoitarse, que forme parte de todas as decisións que afectan á Facultade. Tense en conta como membro do equipo decanal e na maioría das decisións da Xunta de Facultade xa que a súa representación se asegura non só a través da porcentaxe de alumnos que teñen que ingresar dentro de cada unha das comisións porque así o establece a normativa senón directamente contando coa súa presenza. E doutro lado porque aquí hai asociacións estudiantís coma OPICO que colaboran directamente dende sempre coa Facultade e temos unha moi boa relación con eles, tamén cos CAF na medida en que forman parte dos órganos de representación. Todo isto sumado á persoa do vicedecano de Estudantes e coa presenza activa dos delegados dos cursos conforma unha Facultade xove na que o alumno non é o usuario.

A Facultade é unha das máis activas en canto a actividades extra académicas que completen a formación dos alumnos como xornadas, conferencias e incluso, recentemente, a visita ao Parlamento Europeo. Que principais proxectos teñen?
Traballamos en moitas liñas, por exemplo o Seminario de Práctica Xudicial que xa realizou a primeira experiencia piloto e que se consolidou con éxito. Os alumnos recibiron un diploma como recoñecemento a esas prácticas onde colaborou directamente o secretario xudicial do Xulgado do Social número 3 ou xuíz decano. Agora mesmo púxose en práctica de novo para que este cuadrimestre e o próximo do curso 2008-2009 os alumnos realicen prácticas pre profesionais baixo a dirección destas persoas, do propio presidente da Audiencia, o fiscal xefe, e poidan orientarse con vistas ao seu traballo profesional posterior ou con vistas á realización daquelas actividades que lle dean un perfil máis práctico. Ao mesmo tempo isto se combina co Practicum da Facultade que nós facemos externo. Nesta mesma liña realizouse xa unha visita ao Tribunal Supremo e ao Tribunal Constitucional.
Temos moita actividade extra académica que trata de complementar a formación dos alumnos non só dende o punto de vista práctico senón tamén dende o punto de vista de determinadas partes do programa que interesa desenvolver. A última visita ao Parlamento Europeo organizada pola Delegación Española do Grupo Socialista no Parlamento e pola propia Facultade foi o broche de ouro deste ano 2007. Alá fomos xusto o día en que o Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero acudía a informar ao pleno do Parlamento Europeo e tivemos a sorte de estar alí. A experiencia foi absolutamente brillante porque a calidade humana dos eurodeputados foi a nota máis sobresaínte xunto coa súa formación e nos achegou esa outra perspectiva que forma parte do que sería a visión xurídica que ten que ter calquera estudante en Dereito.

A titulación de Dereito é unha das máis tradicionais. Que oportunidades laborais presenta para os titulados? Cara onde están as novas saídas?
É una das titulacións tradicionais e das máis versátiles porque permite acceder a un gran número de postos de traballo. Recibimos constantemente informes da ACSUGA e os resultados de integración dos alumnos no primeiro ano son moi positivos, ao redor do 85%. As veces se comenta se sobran titulados pero a verdade é que unha persoa con titulación accede mellor ao mercado laboral. Unha persoa que ten o grao en Dereito está preparada para moitos postos. É un dos datos que sempre resaltamos pero é certo, podes acceder ao mundo da banca, ao mundo administrativo, á avogacía, a xudicatura, ao sector de rexistros, de notariado, letrados de todo tipo e incluso ás institucións europeas que é un dos destinos que están máis esquecidos e que absorben a unha cantidade inxente de persoas. Hai que ter unha mentalidade non provinciana, ser un universitario nunha sociedade globalizada o que implica que o teu mercado de traballo está no mundo enteiro e hai que estar preparado para traballar en calquera parte. Son moi enriquecedores neste sentido os programas que permiten que os alumnos cursen estudios fóra coma o Erasmus e o Sócrates. Cada vez saen máis alumnos de Ourense. Neste curso foron uns 18 a outras Facultades de Dereito e é un dato moi positivo.

En canto ao proceso de adaptación ao EEES, como se está a facer en Dereito?
Estamos inmersos no proceso de Boloña, un reto que temos que abordar con tranquilidade porque temos unha Facultade consolidada, cunha maioría de idade recoñecida e con proxectos que como digo son unha realidade, cunha Asociación de Antigos Alumnos que tamén se constituíu no meu mandato e de Amigos da Universidade de Vigo e realmente cunha facultade forte. Temos un número de titulados xa importante e os alumnos reais agora mesmo están ao redor de 600 polo que non somos un centro pequeno, somos un centro cunha oferta educativa plural, non só no que é o grao senón no título propio, posgrao e noutros cursos de especialista que tamén se ofertan así coma nos cursos de doutorado. Por tanto estamos en constante evolución e esa adaptación penso que vai ser progresiva e non vai ser traumática, vai ser unha evolución que loxicamente nos encamiñe cara a finalización do proceso de Bolonia sen ningún tipo de ruptura. Vaise inverter en formación de profesorado e vaise tratar de conseguir que esa redución de carga docente que supón a reelaboración do plan de estudios se traslade en vías de especialización aos posgraos, ao que xa o temos e aqueles outros posgraos que interesen no futuro.

Teñen previsto entón como será a oferta de posgraos?
Non porque agora mesmo non se trata de facer posgraos por facer. Creemos que o posgrao que se necesita e que no seu caso será título propio co acordo ao que se chegue co Colexio de Avogados é o Máster da Avogacía para que os alumnos poidan acceder á profesión de avogado e procurador porque hai unha lei de acceso á profesión que o regulariza e que necesita dese complemento ou acordo específico ao respecto e esa vai ser a nosa prioridade porque neste momento creemos que o mellor é facer as cousas con calma e ben. Somos a titulación en Dereito da Universidade de Vigo sen ningún perfil, nin económico nin empresarial que é o que nos diferencia de Vigo e seguimos nesta mesma liña de traballo e con esta idea seguiremos avanzando.

Entón non pensa que o proceso vaia ter repercusións na titulación?
Hai persoas que todo o que significa cambio o ven coma un risco pero eu penso que é unha oportunidade. Estamos en condicións, somos unha titulación con profesorado xove, con persoal capacitado e cunha capacidade de cambio en pouco tempo que se está a demostrar polo que a converxencia con Europa non ten porque ser un problema. Xa está feita en parte, na parte que se nos pediu que é o posgrao, pois no grao o que ten que cambiar é a mentalidade de todos. O profesor vai ser o primeiro que vai cambiar e seguro que con máis axilidade que o alumnos. Entendemos que o problema pode estar nos estudantes, non nos nosos, en todos en xeral, que teñen que entender o cambio que supón unha maior colaboración e participación. Nós ao ser una Facultade cun número de alumnos manexable, con grupos de en torno a 50 persoas é máis fácil. Somos perfectamente viables dende o punto de vista do que esixe o proceso de adaptación ao EEES e as últimas directrices do Sistema Universitario Galego. O licenciado en Dereito aquí o será con práctica xudicial que é o que estamos pelexando e serán persoas que cando se incorporen ao sector profesional que lle interese terán unhas condicións de acceso mellores que as dos demais porque son tratados con caracter individual, non se perden no anonimato de moitísimos matriculados onde pasan de ser persoas a ser un número e esa é unha diferenza clara con outros centros.