DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dan man do profesor Rafael Durán

Os novos alumnos de Fisioterapia familiarízanse co EEES nunha charla informativa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 30/09/2008

A piques de presentar o plan de estudos do futuro grao en Fisioterapia, o centro ofreceu unha sesión informativa aos novos alumnos sobre o EEES co obxectivo “de que os estudantes que comezan este ano comprendan todo o funcionamento e o porqué do famoso proceso de Boloña, xa que o vindeiro curso tocaralles o cambio”, apuntou o profesor e responsable da iniciativa, Rafael Durán.
Deste xeito, baixo as directrices de Durán, os alumnos afondaron na historia do EEES, desde as súas orixes coa declaración de Boloña, pasando por unha explicación dos créditos ECTS e ata chegar ao futuro plan de estudos que o centro porá en marcha o próximo curso 2009-2010.

Un sistema dinámico e unha aprendizaxe para toda a vida

Ao longo da charla, o profesor enfatizou as vantaxes que terán os futuros graduados co novo sistema xa que “é un mecanismo moito máis dinámico, co que se pretende unha aprendizaxe para toda a vida”. Os graos están pensados para que os titulados continúen estudando e aprendendo durante a súa carreira profesional e ademais, continuou Durán, “a calidade é a palabra máxica de todo o proceso, co que se persegue unha educación centrada no alumno e na práctica diaria, non na memorización”.
Por outra banda, o feito de que o título de grao será válido en toda Europa foi outro dos puntos principais que se trataron na sesión, explicando aos asistentes os beneficios que isto supón, poder estudar primeiro nun país, segundo en outro e así sucesivamente, “o mesmo que ocorrerá cos posgraos”, subliñou Durán.

Un pouco máis de información

Logo da sesión intensiva sobre o proceso de adaptación ao EEES, os membros da escola aproveitaron para explicar algunhas pautas sobre o funcionamento do centro, en concreto do sistema de busca de bibliografía e das estancias clínicas que os alumnos terán que realizar ao mesmo tempo que cursan os seus estudos.