DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esdemga organiza tres obradoiros de creación na Casa das Campás entre o 4 e o 6 de xullo

Os novos deseñadores buscan inspiración no feito a man

O prazo de inscrición manterase aberto ata o vindeiro 30 de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 24/06/2011

Na procura de novas alternativas para pór en valor o traballo dos novos deseñadores. Baixo este obxectivo, Esdemga, Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galiza, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, organiza por primeira vez tres obradoiros de creación que fusionarán artesanía e deseño. Do 4 ao 6 de xullo deseñadores do mundo da moda como Carlos Díez, American Pérez e Nando Cornejo traballarán cóbado con cóbado con recoñecidos artesáns da talla de Carlos Manuel Fontanes, Anna Champeney e Idoia Cuesta, para crear unha base común a partir de distintas visións da arte .

O feito a man achega un valor engadido ás pezas ao ser únicas e exclusivas, converténdose nunha posibilidade “que lles permitirá aos creadores novos revalorizar os seus deseños, facéndose un oco no mundo da moda cunha visión experimental e innovadora e, ao mesmo tempo, achegada á herdanza do saber facer dos seus antepasados”, explican dende Esdemga.

Coa mestura de ideas procedentes da artesanía e do deseño, os obradoiros pretenden crear unha linguaxe común entre as diferentes disciplinas e o alumnado “na que a convivencia e o traballo común resulten en obxectos, prendas ou tratamento de materiais novos, apostando pola mestizaxe e pola creatividade". Por outra banda, ademais de fomentar ese clima de creación, tamén haberá espazo para o debate e a reflexión sobre o valor do obxecto único e da súa proximidade co luxo no momento actual.

Tres obradoiros simultáneos

Desenvolveranse tres obradoiros simultáneos nos que participarán cada un dos deseñadores e dos artesáns convidados. Así, o primeiro taller compóñeno o modisto Carlos Díez, cun estilo radical e alternativo, e Carlos Fontanes, dedicado á cestería e á investigación coa técnica da vimbia viva, onde o artesán dirixe a planta para conseguir que a peza se cubra completamente. American Pérez e Anna Champeney conforman o segundo obradoiro no que conflúen os deseños modernos e actuais de Natalia Pérez e Jorge Bolado coa felpa galega ao estilo tradicional de Champeney. O terceiro e último obradoiro fórmano Nando Cornejo, especializado en deseño gráfico, e Idoia Cuesta, que afonda na aplicación das técnicas tradicionais a novos materiais e fibras naturais, buscando a innovación na creación de pezas artesanais contemporáneas.

A cita iniciarase en aberto o 4 de xullo na Casa das Campás, onde os directores de cada obradoiro presentarán o seu traballo para concluír o 6 de xullo na Facultade de Belas Artes cunha posta en común dos diferentes talleres, onde se mostrarán os proxectos resultantes.

Período de inscrición e matrícula

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 30 de xuño e poderase facer de forma gratuíta no despacho de Esdemga (na Facultade de Belas Artes) ou na páxina web www.esdemga.uvigo.es. Os candidatos deberán presentar un currículum vitae, un porfolio dos últimos traballos máis relevantes e unha carta de motivación, xa que o limitado número de prazas (só 10 persoas por taller) fai necesario unha selección dos participantes.