DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución ofrécelles a posibilidade de asistir a un curso de iniciación

Os novos docentes e investigadores mergúllanse no contexto académico e profesional da Universidade

Orientado ao profesorado novel con reducida ou ningunha experiencia previa de ensino

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 23/09/2011
Se comezar a vida universitaria é unha experiencia nova e ilusionante para o alumnado, tamén o é para os docentes que comezan a súa carreira profesional. Para facerlles máis sinxelo o desembarco, a Universidade organiza por quinto ano consecutivo o Curso de Iniciación á Formación para a Docencia Universitaria que, ao longo deste primeiro cuadrimestre, os achegará tanto á institución académica como á carreira e ás metodoloxías docentes.

En total participan neste curso 42 novos profesores e profesoras da Universidade de Vigo con reducida ou ningunha experiencia previa de ensino ou de coñecemento sobre a institución. Con todo, dende a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade dáselle preferencia ao persoal docente e investigador da Universidade de Vigo a tempo completo que teña unha antigüidade, como máximo, dende o comezo do curso académico anterior. Nesta primeira xornada foron recibidos pola vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez e o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia que lles deron a benvida á Universidade e agradeceron o seu interese por formarse “nun contexto cambiante como é o do Espazo Europeo de Educación Superior no que está mudando non só o papel do profesor senón todo o proceso e as metodoloxías do ensino”. Neste novo contexto, explicou Barcia, o protagonismo recae no alumnado, “o importante non é que o profesorado ensine senón que o estudantado aprenda”, pero remarcou tamén que o primeiro que aprende nas aulas é o propio docente, porque esta profesión “ten unha importante compoñente de enriquecemento persoal”.

Formación ante os cambio

Precisamente para afrontar este cambio de paradigma que deixa atrás as clases maxistrais, os novos docentes precisan de coñecementos sobre o novo marco por iso neste curso non só se ofrece unha inmersión na Universidade, senón que se impartirán módulos sobre novas tecnoloxías e ensino semipresencial, docencia universitaria no marco do EEES, desenvolvemento profesional e experiencias de Innovación Educativa.

Pola súa banda, Margarita Estévez presentou a estrutura e funcións da súa vicerreitoría de Organización Académica, Profesorado e Titulacións e destacou a importancia de coñecer os cambios normativos que afectan ás titulacións tanto de primeiro como de segundo ciclo e de doutoramento. Foi a vicerreitora a encargada de presentar ao primeiro relator da xornada, Javier Pérez Guerra, director da Área de Profesorado, que fixo un percorrido tanto pola organización e funcións da vicerreitoría e explicou aos novos docentes o PDA e POD (Plan Docente Anual e Plan de Organización Docente), os procesos da carreira docente, os concurso de acceso ao corpo docente ou as acreditacións.

O ciclo retomarase para os docentes noveis o vindeiro venres 30 de setembro da man de Juan Aguiar, da Área de Tecnoloxías da Información e Comunicación, que lles presentará os servizos informáticos e novas tecnoloxías na Universidade de Vigo.