DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade ofrece un curso de ‘posta a punto’ para os profesores noveis

Os novos docentes universitarios prepáranse para iniciarse nas aulas

Destinado aos profesores sen experiencia previa para mergullarse na institución

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 20/09/2012
Enfrontarse por primeira vez a unha aula chea de universitarios pode supoñer todo un reto para os docentes sen experiencia previa ou cunha traxectoria curta no ensino superior. Para axudalos no proceso de adaptación, tanto á vida académica como á institución, a Universidade leva cinco anos organizando un curso cero de iniciación á formación para a docencia universitaria. Con esta iniciativa, a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, pretende axudar aos profesores noveis ou con pouca experiencia no ensino en xeral ou no ensino na Universidade de Vigo en particular a coñecer o contexto no que impartirán as súas clases nos seguintes meses. Na primeira sesión, celebrada este xoves, os vicerreitores Ignacio Barcia e Margarita Estévez foron os encargados de darlles a benvida a un curso que se estenderá durante o primeiro cuadrimestre, con 66 horas de duración repartidas en seis bloques temáticos. O vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade destacou neste acto de apertura a necesaria formación dos docentes sobre todo nun escenario cambiante como o presente, no que “as clases maxistrais quedan atrás para dar paso a un proceso integral de ensinanza/aprendizaxe, no que o importante non é o que se ensina, é o que o alumnado aprende”. Barcia recalcou que para acadar este obxectivo ten un peso fundamental a formación dos docentes, “sobre todo dos novos docentes, é algo estratéxico”, un proceso no que colaborará boa parte do equipo de goberno con conferencias de varios vicerreitores.

En total están matriculados 45 novos docentes que ao longo de 33 sesións se achegarán ao contexto institucional, docente, investigador e de xestión da Universidade de Vigo. Os obxectivos son múltiples, tanto a nivel profesional como persoal, de xeito que desenvolvan actitudes e comportamentos positivos de cara á docencia universitaria, aprenderán a planificar a ensinanza, a coñecer metodoloxías e recursos didácticos para a docencia, incluídas as novas tecnoloxías, desenvolverán a avaliación para a mellora educativa e poderán traballar no desenvolvemento profesional, social e persoal, con atención especial á innovación educativa e ás novas técnicas docentes.
A clases impartiranse de 10 a 14 os xoves e venres no campus de Vigo cunha duración total de 66 horas.

Primeira sesión

Neste inicio do curso, os asistentes comezaron cun achegamento á institución, en concreto ao relativo ás titulacións e á carreira docente, da man da vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, do director da Área de Profesora, Javier Pérez Guerra e da de Posgrao, Elena Alonso. Nas vindeiras sesións coñecerán tamén as competencias do resto de vicerreitorías e dedicaranse módulos específicos ás novas tecnoloxías e o ensino semipresencial e ao Espazo Europeo de Educación Superior e os cambios que produciu na docencia universitaria. Máis centrados no eido persoal, os dous últimos módulos afondarán no desenvolvemento profesional, achegando perspectivas como a comunicación en público, o xénero ou a intelixencia emocional, e nas experiencias de innovación educativa que poidan guiar e mellorar a práctica docente.