DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de benvida foron recibidos polos vicerreitores Iván Area e Jesús Hernández

Os novos estudantes estranxeiros traspasan fronteiras e internacionalizan o campus

A súa primeira toma de contacto con Galicia foi ao son de instrumentos tradicionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 16/10/2009
Son moitos os quilómetros que separan Galicia de Polonia, Bélxica, Italia ou Reino Unido e, en moitos casos, son tamén considerables as diferenzas lingüísticas e culturais. Pero ningunha barreira é infranqueable e un bo exemplo disto son novos estudantes estranxeiros que este ano cursarán parte dos seus estudos no campus de Pontevedra e que esta mañá tiveron o seu acto de benvida. Como primeiro paso para salvar fronteiras, e logo do recibimento institucional, os recén chegados tiveron o seu primeiro contacto coa cultura galega a través dos sons dos instrumentos tradicionais. E é que, despois da benvida por parte dos vicerreitores de Relacións Institucionais, Iván Area, e do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, puideron coñecer de preto esta parte da cultura do país coa presentación do libro Instrumentos tradicionais galegos.
Esta publicación, enmarcada no Proxecto Ronsel, requiriu incluso da participación dos estudantes, que colaboraron na lectura, en francés e inglés, de extractos do libro que serviron como introdución para que Pablo Carpintero lles amosase o son dalgúns deles, como o berimbau, o rabel, a caramela e, por suposto, a gait

Unha moi boa primeira impresión

Neste primeiro cuadrimestre, o campus recibe a preto de cincuenta alumnos e alumnas de universidades de todo o mundo, que teñen como destino prioritario a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicacións, onde estudarán 27 deles. O vicerreitor Iván Area felicitounos a todos pola elección da Universidade de Vigo e animounos a “coñecer a nosa lingua e a nosa cultura, da que estes instrumentos que hoxe vistes son unha pequena escolma da riqueza do patrimonio”. Ademais, Area convidou a todos a non deixar escapar a ocasión de coñecer a xeografía galega e “sería de moito interese que puidésedes volver o vindeiro ano para facer o Camiño de Santiago”.
Aínda que algúns levan xa varias semanas na cidade e outros están por chegar, no acto tiveron unha primeira toma de contacto coa realidade da Universidade e do campus e recibiron toda a información precisa dos servizos e actividades nas que poden participar ao longo da súa estadía. Representantes da Biblioteca, do Servizo de Deportes, da Área de Normalización Lingüística ou da Oficina de Relacións Internacionais puxéronnos ao día da vida universitaria no campus e animáronnos a participar, a mergullarse na cultura e na lingua e a coñecer Pontevedra e toda Galicia.
Neste sentido, a representante da Área de Normalización Lingüística, Elvira Riveir,o invitounos a tomar parte do curso de galego para estranxeiros “porque tedes a sorte de vir a un lugar cunha lingua diferente do español” e, nas clases “achegarémonos tamén á cultura e á xeografía da terra dos mil ríos, de montañas e quilómetros costa, da mellor praia do mundo…”
As primeiras en interesarse por esta iniciativa foron Sara e Ana Rita, dúas mozas portuguesas, “de preto de Lisboa”, que estudarán o grao en Dirección e Xestión Pública e que se amosaban “cómodas en Galicia e moi contentas coa cidade”. Leonardo, romano que cursa o último ano de Comunicación Audiovisual, é un dos que elixiron Ciencias Sociais e da Comunicación como destino, “quedarei todo o ano, polo que rematarei aquí a carreira” explicaba, “é unha cidade moi bonita, cun casco vello moi ben conservado e o feito de que sexa maioritariamente peonil faina moi agradable”. Despois do seu primeiro contacto coa vida académica, destaca a importación da docencia práctica, "en Roma é principalmente teórica".
Por outra banda, as actividades deportivas, que lles presentou Gustavo Loureiro, responsable do servizo no campus, tamén tiveron os seus primeiros voluntarios, que tentarán sacar adiante as clases de tenis, ata agora en suspenso por falta de inscritos.
Finalmente, José Miguel Dorribo, técnico superior da Oficina de Relacións Internacionais, acreditounos oficialmente como membros da comunidade universitaria coa entrega do carnet de estudante e emprazounos para as múltiples actividades que para eles se están a organizar dende a ORI, a primeira delas unha festa de benvida “na que coñeceredes a noite viguesa” e á que seguirán excursións e viaxes para coñecer Galicia.