DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A titulación actual transfórmase en Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

Os novos graos da ETSE de Minas convértena nun referente estatal na formación de profesionais da enerxía

A novidade para o vindeiro curso é o Grao en Enxeñaría da Enerxía

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 28/06/2010

Os graos que a ETSE de Minas estrea no vindeiro curso 2010-2011, Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e Enxeñaría da Enerxía, converten ao centro nun referente estatal na formación de profesionais da enerxía. A nova oferta supón a adaptación ao EEES do título actual de Enxeñaría de Minas, e un novo título que pretende responder ás demandas do mercado de traballo no campo das sustentabilidade e as enerxías renovables. Segundo apuntou o reitor, Salustiano Mato, no acto de presentación dos novos títulos, “a aposta da Universidade de Vigo pola enerxía é decidida e contundente” e amosouse convencido de que este campo debe estar harmonizado co medio ambiente para converterse no xermolo dunha terceira revolución industrial.

Os dous graos serán únicos no Sistema Universitario de Galicia, como xa o era Enxeñaría de Minas, e pioneiros en España e entre ambos pechan o ciclo da enerxía, dende a xeración ata o consumo final, algo que o mercado demanda, sobre todo en Galicia, “como líder no sector da produción enerxética”, explicou do director da escola, Pedro Arias.

Formación única para un sector punteiro

O reitor destacou que o sector enerxético demanda novos profesionais cunha formación renovada que responda ás necesidades do mercado, non só das multinacionais, senón tamén da pequena e media empresa e incluso do sector terciario. Estes novos graos actualizan a oferta formativa con dúas titulacións, con 60 prazas cada unha, para impartir unha docencia de excelencia “e non saturar o mercado de profesionais”, apuntou o director, Pedro Arias. As novas titulacións aséntanse sobre os 18 anos de historia da escola e os máis de 400 egresados pero contan tamén co apoio da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade así como da Universidade Politécnica de Madrid, coa que se deseñou de xeito conxunto a oferta, sendo así ambas institucións pioneiras no Estado Español. A subdirectora da Escola de Enxeñaría Industrial, Concepción Paz, salientou a importancia desta colaboración entre os dous centros do campus do Vigo a apuntou que os estudantes de Tecnoloxía Industrial poderán acceder ao Grao de Enxeñaría da Enerxía en terceiro curso, así como aos respectivos mestrados de ambas escolas, “polo que poderán exercer de pleno dereito” como profesionais de ambas enxeñarías.

En resumo, esta oferta renovada e ampliada aposta porque “Galicia sexa líder do sector nun mundo global” onde a enerxía é un dos principais problemas das sociedades modernas, como apuntou Arias, que salientou que a escola conta tamén con mestrados tanto profesionalizantes como investigadores.

Dous graos pioneiros e con diversidade de saídas laborais

O Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos é a reconversión da titulación existente e mantén as tres especialidades pero reforzando a formación relativa á produción enerxética. A novidade que representa o Grao en Enerxía da Enerxía está na formación que vai dende a xeración de enerxía ata as súas diversas aplicacións incluíndo os coñecementos precisos para desenvolver tecnoloxías e sistemas eficientes e sostibles. Isto implica que para ambos estudos exista unha ampla diversidade de saídas laborais que pasan polas instalacións industriais, centrais térmicas e hidroeléctricas, no control de edificacións e obras e nos sectores dos recursos enerxéticos, redes de enerxía, siderurxia, metalurxia, así como na docencia e na investigación.

Os responsables do centro presentaron tamén un vídeo sobre as titulacións e as súas posibilidades de inserción laboral así como un curso cero para que os pre-universitarios poidan avaliar os seus coñecementos previos e obter unha información pormenoriza dos contidos docentes dos graos, todo elo dispoñible na web da escola.