DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle o 16 e 17 de novembro unha xornadas dirixidas a este colectivo

Os novos investigadores de Historia toman o relevo

O seu obxectivo é valorizar e dar a coñecer o traballo que realizan

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/11/2011
Unha parte fundamental de toda investigación é a difusión, divulgación e transferencia dos seus resultados para que o resto da comunidade científica e a sociedade en xeral se poida beneficiar do esforzo realizado. Co obxectivo de contribuír a que os novos investigadores das diferentes áreas de Historia dean a coñecer os seus últimos traballos, o campus de Ourense acolle o 16 e 17 de novembro as I Xornadas de Novos Investigadores. Unha oportunidade para o intercambio de información e o estreitamento de lazos entre investigadores de diferentes universidades.

A iniciativa, organizada pola Delegación de Alumnos de Historia coa colaboración da Asociación de Licenciados e Estudantes de Historia ALEHOU e a propia facultade, foi inaugurada este mércores por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; María Victoria Carballo Calero, decana en funcións da Facultade de Historia, e Milagros Cavada, anterior decana do centro. “A investigación é unha carreira de fondo e estas xornadas e o voso traballo son importantes para continuar abrindo camiño”, díxolle María Lameiras aos asistentes.

Pola súa banda, María Victoria Carballo Calero quixo salientar o valor destas xornadas para que as persoas que están realizando a súa tese de doutoramento ou outro tipo de investigación poidan dar a coñecer o seu traballo e intercambiar perspectivas con outros compañeiros de profesión. “Ninguén sabe máis da vosa área de estudo que vós mesmos, porque estades a desentrañar os seus pequenos detalles, e por iso son tan interesantes estas xornadas”, destacou Milagros Cavada.

Da protección do patrimonio á obra de Quessada

As xornadas pretenden ser unha plataforma que proporcione pulo ao traballo que están facendo novos investigadores nas diferentes áreas de Historia. Para acadalo, oito investigadores e investigadoras das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e a Complutense de Madrid están convidados a expor no campus de Ourense os seus traballos.

A investigadora e docente de Ciencias Políticas da Universidade de Vigo Rosa María Ricoy foi a encargada de comezar as intervencións presentando o traballo que está realizando na súa tese de doutoramento en Historia, centrada nas deficiencias xurídicas da protección do patrimonio arqueolóxico, especialmente no caso de Galicia. “Estas deficiencias articúlanse en tres puntos principais, que son o baleiro legal existente, as incongruencias entre a lei estatal e a autonómica e dentro da propia lei autonómica e o incumprimento destas leis por parte de institucións e particulares”, explicou aos asistentes Ricoy.

Coa súa intervención abriuse un programa que na súa primeira sesión contou tamén coas conferencias de Natalia Conde, sobre a catedral de Ourense como foco receptor e transmisor de modelos artísticos; de Yolanda Lois Peón, sobre a cultura material da elite de Pontevedra no século XVIII, e de Mariña Bermúdez sobre a organización do territorio na Galicia medieval. O xoves as I Xornadas de Novos Investigadores comezarán cunha intervención de Pablo Aparicio sobre a estatua de culto de Venus Genetrix e Julio César e outra de Eloy Martínez sobre o anfiteatro Flavio do Coliseo. Para rematar, Alberto González falará sobre o nacemento da Garcineida e Diana Martínez afondará na obra e vida de Xaime Quessada.