DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous centos titulados de Publicidade e RRPP, Comunicación Audiovisual e Xestión e Administración Púb

Os novos titulados de CCSS e da Comunicación celebran a súa aposta polo coñecemento

No mesmo acto, Manuel Rivas recibiu a insignia de ouro do centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 09/10/2009

Coa cabeza ben alta e co orgullo de ter apostado polo coñecemento. Así convidou o vicerreitor de campus, Jesús Hernández, a saír ao mundo laboral aos douscentos estudantes que este venres celebraron o seu acto de graduación na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Deste xeito, a XI promoción de Publicidade e Relacións Públicas, a IV de Comuniación Audiovisual e a VII de Xestión e Administración Pública recolleron os seus diplomas e recibiron algúns consellos para a etapa que inician. Estiveron acompañados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa; o decano do centro, Xulio Pardellas, a vicedecana, Aurora García e maila secretaria do centro, Ana Isabel Dopico, ademáis dos seus profesores, amigos e familia.
O vicerreitor, ao tempo que transmitiu os parabéns do reitor, Alberto Gago, recuperou un texto do escritor cubano Lezama Lima que ensalza a capacidade de aprendizaxe e asimilación do ser humano para defender a importancia da educación “nun dos momentos máis difíciles” e avisar de que “o coñecemento non é unha facultade que xorde espontaneamente”. Por iso, animou aos egresados a “saír coa cabeza ben alta” porque a súa aposta polo coñecemento daralles unha vida “máis xusta, solidaria e rica”.
Pola súa parte, o decano do centro, Xulio Pardellas, destacou o “magnífico potencial” dos novos graduados para “mellorar a realidade” e convocounos a “seguir un vieiro firme e honesto tanto no persoal como no laboral”. Tamén aproveitou a súa intervención para recordar as súas clases de economía e o concepto de “custe de oportunidade” e desexarlles que as decisións que tomen “sexan correctas e proveitosas para vós e para a sociedade”. Por último, Pardellas fíxolles unha petición: “se traballades en Galicia non permitidas que se abandone a nosa lingua”.

Insignia de ouro e becas de honra

O acto tamén serviu para realizar a entrega da insignia de ouro da facultade ao escritor e xornalista Manuel Rivas, “pola ledicia das súas historias” e “o seu maxín e reflexión”, segundo apuntou Pardellas. Rivas agradeceu a distinción “como depositario duns valores que compartimos” e, ao tempo que felicitou aos novos graduados, animounos a “camiñar na esperanza fronte ao continuo bombardeo de derrotismo e nihilismo, especialmente nestas profesións”. Do mesmo xeito, Rivas defendeu a comunicación “como algo máis que un negocio” e sinalou a súa importancia no contexto de crise.
Ademais de a Rivas, no acto tamén se distinguiu á actriz Mabel Rivera, ao alcalde de Fene, Iván Puentes e ao presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, aínda que este non puido estar presente no acto. O centro concedeulles as becas de honra e actuaron como padriños das titulacións. A secretaria do centro, ao anunciar a entrega dos galardóns, destacou a achega de Mabel Rivera ao audiovisual galego e maila inspiración “dun novo tipo político, novo, innovador e comprometido socialmente” de Iván Puentes que, ademais, foi alumno da quinta promoción da licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas.
Trala entrega dos diplomas aos estudantes egresados, o acto rematou coa interpretación do Gaudeamus Igitur.