DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A décimo oitava edición do Workshop on Dynamic Macroeconomics celebrarase do 19 ao 21 de xuño

Os novos valores da investigación macroeconómica avaliarán os seus traballos en Soutomaior

Estudante de doutoramento presentarán 15 traballos ante expertos de prestixio internacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 05/02/2013

Coa de 2013 van xa dezaoito edicións do Workshop on Dynamic Macroeconomics, un foro que xa se ten convertido nun referente para que estudantes de doutoramento de todo o mundo presenten os seus traballos ante un comité de expertos de prestixio internacional. A cita será entre o 18 e o 21 de xuño no Castelo de Soutomaior, a que ven sendo a sede deste evento dende que botou a andar. O comité científico está dirixido polo profesor da universidade de Minnesota e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, profesor, Timithy Kehoe, e del forman parte destacados economistas e profesores de prestixiosas universidades e centros de investigación como Arpad Abraham, do European University Institute; Franck Portier, da Université de Toulouse; Omar Licandro, do Instituto de Análisis Económico-CSIC; Victor Ríos-Rull, da University of Minnesota; Juan Carlos Conesa, da Universitat Autònoma de Barcelona; Antonia Díaz, da Universidad Carlos III de Madrid e José María Da Rocha e Jaime Alonso Carrera, ambos da Universidade de Vigo.

A organización do evento corre a cargo do grupo de investigación en análise económica Research Group of Economic Analysis (RGEA), do que forma parte Carrera, que explica que o obxectivo é “ofrecer a investigadores novos interesados en problemas macroeconómicos a posibilidade de presentar e avaliar os seu traballos nun foro internacional”. Así, danse cita en Soutomaior as promesas da economía cunha xeración xa consolidade de expertos, un punto de encontro de intercambio de coñecemento que axuda aos estudantes de doutoramento a dar a coñecer os seus traballos. Entre os estudos presentados, que teñen como data límite o 9 de abril, selecciónanse 15, que serán presentados cada un deles durante unha hora diante de todos os asistentes “para que sexan discutidos e avaliados”, apunta Carrera. “Únese así unha vertente investigadora e unha compoñente formativa”.

Pola experiencia de anos anteriores, a organización agarda que se presente arredor de 50 traballos de estudantes de doutoramento de todo o mundo, de entre os que o Comité Científico seleccionará 15 finalistas.
A temática dos mesmos centrarase na análise macroeconómica, investigación tanto de carácter teórico como aplicado e abordaranse “temas fronteira no campo da economía financeira, ciclos e depresións económicas, mercado de traballo, crecemento e desenvolvemento económico, demografía económica, política fiscal ou política monetaria”, apunta o profesor Carrera. Con todo, a actual conxuntura económica provocará que a crise tamén sexa tema de debate neste workshop, xa que un dos temas estrela da investigación fronteira na economía é a crise económica. As causas, o funcionamento do sistema financeiro e bancario, o mercado de traballo, a política fiscal e monetaria, ou as recomendacións de posibles solucións serán algúns dos temas a tratar, tanto nos debates como nos traballos presentados.

Un importante recoñecemento para a Universidade de Vigo

A organización deste evento por parte dos investigadores do grupo RGEA supón un plus de visibilidade para a Universidade de Vigo. Por unha banda porque axuda a situar a institución no escenario internacional pois, como indica Carrera, “vense de converter nun dos foros de discusión en análise macroeconómico de máis prestixio internacional”. Por este motivo, moitos dos programas de doutoramento máis importantes no mundo están tomando este evento como un referente, e animan os seus estudantes a enviar os seus traballos para ser avaliados por investigadores de recoñecido prestixio. Ademais, e xa dende un punto de vista interno, “este evento supón un importante estimulo para o grupo de investigadores en análise macroeconómico da Universidade de Vigo, pois nos permite acceder directamente a traballos e investigadores que están na fronteira do coñecemento”, conclúe o profesor.

Premio aos mellores traballos

Nas últimas cinco edicións e co fin de estimular e recoñecer o traballo realizado polos investigadores novos, ao abeiro do workshop outórganse premios aos mellores estudos presentados. O Comité Científico valora especialmente a excelencia científica e a claridade da presentación.

Na edición de 2012, resultaron premiados Timo Boppart, da Universidade de Zurich, Paula Gobbi, da Université Catholique de Louvain e Joseph Steinberg, da de Minnesota. En anos anteriores os estudantes galardoados procedían de universidades como a European University Institute, New York University and European University Institute, University of Maryland, Universitat Pompeu Fabra ou a University of British Columbia. As temáticas dos traballos abranguían dende os mercados financeiros, a mobilidade laboral, a desigualdade salarial, o endebedamento, a inflación, a corrupción en relación ao tamaño das empresas, a innovación ou o desemprego.