DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os obradoiros sobre comunicación, primeiros en cubrir prazas

O prazo para matricularse no resto de cursos remata este venres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 04/03/2008

As persoas interesadas en participar nalgún dos obradoiros do segundo cuadrimestre deben ir tomando xa a decisión, pois este venres remata o prazo para matricularse. Dos nove cursos ofertados, os relacionados co eido da comunicación teñen xa o aforo cuberto, nos demais aínda hai sitio para máis participantes.
Cine, música e teatro son as temáticas principais das actividades nas que aínda quedan prazas libres. “Os cursos relacionados con cuestións comunicativas tiveron tan boa aceptación que se cubriron nos primeiros días”, comentou a técnica da Oficina de Voluntariado e Integración do campus, Herminia Dios Poceiro.

Cinema documental, principal novidade deste cuadrimestre

A novidade deste ano é Cinema Documental: aproximación a un territorio por descubrir, un curso organizado co obxectivo de que os asistentes coñezan as diverxencias e similitudes entre os modelos audiovisuais históricos, a ficción e a non ficción. A responsable do obradoiro, Herminia Dios, explica que a idea de ofertar unha actividade con esta temática “xurdiu porque xa tiñamos traballado cos alumnos actividades relacionadas co cine, pero apetecíanos facer algo diferente, por iso propuxemos os documentais”. Ademais engadiu que “tendo en conta que aquí temos a titulación de Comunicación Audiovisual e de Publicidade e Relacións Públicas, pareceume moi atractivo o tema para os alumnos destas carreiras”.
O curso, impartido polo historiador de arte Suso Novás, terá lugar os vindeiros 11 e 12 de marzo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ás 17.00 horas.
Xunto con este, Djembé nivel II, Efectos especiais para cine e televisión, Efectos especiais de maquillaxe-modelado e moldes, Sonorización e gravación musical e Posta en escena dunha montaxe teatral son aqueles nos que os interesados aínda teñen oportunidade de inscribirse.

Pódese ampliar a información na web http://extension.uvigo.es/contidos/obradoiros