DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A media de participantes ronda os 20 en cada unha das convocatorias mensuais

Os obradoiros de emprego da OFOE triunfan entre o estudantado

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Anabel Vila DUVI 13/01/2011
“E agora, que fago?” Esa é a pregunta coa a que chega a Oficina de Orientación ao Emprego (OFOE) o alumnado, algúns xa titulados e outros a piques de conseguilo. Ante esta necesidade a OFOE organiza mensualmente obradoiros de Técnicas de busca @ctiv@ de emprego. “Facémolos todos os meses, de feito, o ano pasado tivemos incluso en xullo e setembro. En agosto non, porque non había xente, pero no resto de ocasións sempre houbo entre 15 e 20 persoas”, explica Mertxe Inza, técnica de Orientación Laboral. Os cursos están abertos a todas as titulacións, pero “ás veces organizámolos a petición dunha escola ou facultade, ben porque non poden acudir aos normais por problemas de axenda ou ben porque piden que estea adaptado ás necesidades específicas do colectivo”, asegura.

Os obradoiros teñen como obxectivo achegar ao estudantado a busca activa de emprego como proceso, proporcionándolles información, formación, recursos e estratexias que llo faciliten. “Damos ferramentas que serven para facilitar a súa busca, que lles axudan a analizar o mercado”, afirma Inza. Para conseguilo no curso traballan sobre como elaborar un currículo, como teñen que ser as cartas de presentación, como deben enfrontarse ás entrevistas… “Tentamos abarcar todo o que necesitan pero tratamos de individualizar, cada un ten que defender a súa individualidade e na busca de traballo aínda máis”, explica a técnica da OFOE.

A rede como gran canle de busca de emprego

Nos obradoiros, de catro horas de duración, ofrecen tamén aos participantes ampla información sobre distintos canais de emprego presentes na rede, unha ferramenta imprescindible na realidade actual. Entre eles destacan aqueles relacionados coas prácticas de iniciación profesional que teñen o prazo aberto todo o ano, como son os programas Citius e Gaia, ou as bolsas Leonardo.

Pero non só se dirixen á empresa privada, posto que nos obradoiros da OFOE tamén se lles ofrece formación acerca de como elaborar unha instancia para acceder á administración e distintas páxinas web nas que aparecen ofertas de emprego público.

Licenciados en busca do seu primeiro traballo

A inquietude en tempos de crise é o que motiva ao estudantado que acude aos cursos. “O que estudas é demasiado xenérico e cando terminas non sabes cara a onde dirixirte”, asegura Iván Conde, recentemente licenciado en Administración e Dirección de Empresas e que participa no último obradoiro organizado pola OFOE. “Tiña dúbidas de por onde empezar, que facer, e un amigo que participou nun faloume deles”, explica. Agora busca “orientación, que me dean pautas” coas que facilitar a súa entrada no mercado laboral.

No caso de Inmaculada Míguez a chegada ao curso foi directamente pola OFOE. Estudante de Relacións Laborais fáltalle tan só unha materia, polo que mandou “unha solicitude á oficina para ter unha entrevista con eles e enviáronme a información destes obradoiros que me interesou”, explica. Agora espera, como a maior parte dos seus compañeiros, “orientación á hora de buscar emprego”, xa que, coa carreira case rematada, “estou nese momento en que tés medo a todo”, recoñece.