DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación complétase con fotografía, guitarra, cultura exipcia, teatro, música e curtametraxe

Os obradoiros do primeiro cuadrimestre traen sabor a outono

Con cursos de agricultura ecolóxica e de identificación de plantas comestibles e cogomelos propios d

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/09/2017

O outono que acaba de comezar é a estación dos cogomelos, as setas, as castañas, as landras, as estrugas e de outras moitas especies vexetais comestibles. Por iso, a programación de obradoiros de Extensión Universitaria para o primeiro cuadrimestre prestará especial atención á contorna natural cun curso de identificación e cociña con plantas silvestres de outono, outro de identificación de cogomelos e un terceiro de agricultura ecolóxica. Estes son tres dos nove obradoiros que hoxe luns abren o período de inscrición no campus de Vigo, un programa que se completa cos xa tradicionais cursos de iniciación á fotografía dixital, guitarra e teatro. Xunto con eles, a oferta comprende un obradoiro de introdución á cultura exipcia, outro de música tradicional e un último de introdución á curtametraxe.

Segundo explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, trátase dun catálogo que, por unha banda “mantén cursos que se veñen ofertando con moi boa acollida dende hai anos e, por outra, recupera outros que se impartiron anteriormente, pero actualizando os seus contidos”. Por exemplo, o obradoiro de iniciación á fotografía modifica o seu programa para centrarase en editar e retocar as imaxes e nas posibilidades que ofrecen as redes sociais para compartilas. As clases arrancarán o 9 de outubro na EU de Estudos Empresariais cunha duración total de 30 horas os luns en horario de tarde. Outro dos obradoiros que adapta os seus contidos é o de iniciación á curtametraxe, que nunha edición anterior propoñía a realización dunha curta empregando smartphones e agora aposta polo formato audiovisual tradicional da man de Xoán Mariño, de Mr Misto Films. A docencia arranca o 11 de outubro e desenvolverase os mércores en horario de tarde no edificio Miralles ata completar un total de 30 horas. A peza audiovisual que se grave durante a realización do curso será estreada en público.

O obradoiro de identificación de cogomelos nesta edición será exclusivamente práctico, con saídas ao monte para recoller diferentes exemplares que serán posteriormente identificados na aula coa axuda de guías para coñecer os seus usos e aproveitamentos. O curso arranca o 9 de outubro e terá unha duración de 30 horas a desenvolver nas tardes dos luns e martes. De estrutura semellante será o curso para aprender a identificar, apañar e cociñar plantas silvestres propias do outono. Este obradoiro comprende tanto clases teóricas e prácticas como roteiros pola contorna do campus e sesións culinarias para aprender a cociñar diferentes receitas de caldos, cremas ou frituras coas plantas recollidas nas saídas de campo. Este curso comeza o 19 de outubro e terá lugar nas tardes dos martes ata completar 30 horas.

Outro dos obradoiros que se vén desenvolvendo con moi boa acollida nos últimos anos é o de agricultura ecolóxica, pensado para poñer en marcha no segundo cuadrimestre a hora do campus vigués, na que se sementarán diferentes especies. Os asistentes coñecerán as técnicas de planificación e deseño da horta, a compostaxe, a rotación e asociación de cultivos, as pragas e enfermidades que afectan ás diferentes especies, etc. O obradoiro arranca tamén o 9 de outubro e impartirase os luns pola tarde cunha duración de 30 horas.

Música, guitarra, teatro e cultura exipcia

A Aula de Música e Baile Tradicional mantén a súa estrutura pero cambia o día das clases, que pasa dos martes aos luns no Teatro Vidal Bolaño, a partir do día 9, “co obxectivo de crear un grupo estable no campus de Vigo”, como remarca Alfonso Caride. O obradoiro de guitarra, que ten continuación no segundo cuadrimestre, mantén tamén o seu deseño súa estrutura e será impartido a partir do día 13 outubro os venres pola mañá tamén no Vidal Bolaño. O mesmo espazo será o que empreguen os participantes no curso de iniciación ao teatro, un obradoiro que terá continuación no segundo cuadrimestre co fin de preparar a posta en escena dunha peza dramática. As encargadas da docencia, que se terá lugar nas tardes dos mércores a partir do 11 de outubro, serán Casilda Alfaro e Sonia Rúa, de Teatro de Ningures.

O obradoiro de introdución á cultura exipcia, destaca Caride, xa que celebrou algunha edición en anos anteriores “e a xente quedou con ganas de máis”. Será impartido por una egresada da Facultade de Historia do campus de Ourense, Eugenia Muñoz, e centrarase na cultura, a arte e a literatura, cunha primeira parte dedicada a aprender a descifrar xeroglíficos e outra na que se abordarán os misterios do Val do Nilo. O curso arrancará o 9 de outubro e impartirase os luns en horario de tarde na EU de Estudos Empresariais.

O prazo de matrícula para todos estes obradoiros está aberto dende hoxe luns 25 de setembro ata o día 6 de outubro. Os prezos varían entre os 26 euros para a comunidade universitaria e os 40 euros para o público en xeral.