DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro de ciclo "Novas perspectivas para a docencia universitaria"

Os obstáculos na educación científica centrarán unha conferencia do catedrático Daniel Gil

Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/05/2008

Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, este venres comeza a segunda edición do ciclo de conferencias centradas nas novas perspectivas na docencia universitaria que teñen como destinatarios aos docentes universitarios. “A nosa idea é que o ciclo estea aberto a todo o PDI, incluíndo profesores noveles e veteranos de xeito de que dispoñan dunha actividade formativa sobre temas do seu interese”, asegura Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa.
Este segundo ciclo de conferencias que comezará coa intervención do catedrático Daniel Gil, contará coa participación de prestixiosos expertos no ámbito educativo o que permitirá ao igual que sucedeu na primeira edición xerar unha publicación que recollerá o contido dos relatorios.

Relatores e temáticas

Materiais de aprendizaxe en contextos educativos virtuais, avaliación da actividade docente, retos do proceso de converxencia europea e tecnoloxía para a docencia, serán os temas que ao longo de seis meses abordaranse no ciclo de relatorios que comezará este venres e rematará o 17 de outubro. Segundo Pedro Membiela “trátase de temas nalgúns casos novos, pero tamén hai cuestións recurrentes, aínda que abordadas desde outra perspectiva, que polo seu interese vólvense tratar nesta segunda edición do curso”. Tal é ocaso do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior ou a aplicación das novas tecnoloxías á docencia que abordarán Amparo Fernández e Angélica Rísquez, respectivamente.
A relación de relatores nesta segunda edición do ciclo o completan, ademais de Daniel Gil, Eduardo García que centrará a súa intervención nas técnicas para o diagnóstico da avaliación docente e Albert Sangrá quen tras unha primeira participación no ciclo, volverá o vindeiro mes de xuño para ofrecer un relatorio titulado Os materiais de aprendizaxe en contextos educativos virtuais.

Educación científica con Daniel Gil

Catedrático de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Valencia, Daniel Gil, colabora con diversas institucións de prestixio internacional ao tempo que participa na Década da educación por un futuro sostible das Nacións Unidas. Segundo o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa “Daniel Gil proba a diversidade de relatores que ten este ciclo , tratándose no seu caso dun experto ligado ao ámbito das ciencias e tamén da sostibilidade”.
Este venres no seu relatorio, Gil analizará algunhas das concepcións e comportamentos dos profesores universitarios en xeral, e das áreas científico-tecnolóxicas en particular que dificultan os adiantos académicos e a impregnación dos estudantes na cultura científica.