DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso retorna neste 2023 a Poio, combinando o seguimento presencial e virtual

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible centran unha nova edición do simposio internacional sobre as prácticas académicas

Analizará como formar ao alumnado como “axentes de cambio cara un futuro máis xusto”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/06/2023

Desde hai máis de tres décadas, o Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas reúne no Mosteiro de Poio docentes e investigadores de diferentes países, co obxectivo de promover un intercambio de experiencias en torno ao desenvolvemento das prácticas curriculares e extracurriculares que realiza o alumnado universitario. Despois de que a covid-19 obrigase a converter en virtual a anterior edición deste foro de carácter bienal, o simposio promovido pola Asociación para el Desarrollo del Prácticum y de las Prácticas Externas: Red de Prácticum (Reppe) retorna a Poio neste 2023. Con preto de 200 inscritos e inscritas ata a data, desenvolverase do 3 ao 5 de xullo nunha modalidade híbrida, combinando o seguimento presencial e virtual, e farao cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 como eixe temático. 

“Durante o prácticum e as prácticas externas das distintas titulacións pódese apoiar o desenvolvemento dos obxectivos do milenio, particularmente os relacionados coa sostibilidade, o benestar social e a inclusión e equidade de xénero”, salienta Manuela Raposo, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e presidenta do comité organizador deste simposio internacional. Promovido por unha rede da que forman parte as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, País Vasco, Valencia, Málaga e Ramón Llul de Barcelona, o congreso porá o foco en como as prácticas permiten “traballar competencias, coñecementos, procedementos, habilidades, actitudes e valores que apoderen ás persoas como axentes de cambio cara un futuro máis xusto, sostible e equitativo”, engade Raposo. 

Despois de que a covid-19 levase a centrar a edición de 2021 na incidencia que tivo a pandemia no desenvolvemento das prácticas, desde a asociación Reppe quixeron nesta ocasión achegar “o seu gran de area para lograr unha comunidade universitaria que sexa consciente da experiencias e accións que poden contribuír aos ODS”, como sinala a responsable do comité organizador. Baixo o título de La formación práctica de profesionales en el horizonte de los ODS, a XVII edición deste foro internacional buscará analizar como as prácticas externas poden responder “aos retos” que supón a Axenda 2030, así como pór en común experiencias e propostas neste eido e analizar o impacto dos ODS tanto no deseño dos plans de estudos das diferentes titulacións, como no desenvolvemento das prácticas e na participación dos diferentes axentes implicados nestas. 

Participantes de nove países nunha modalidade híbrida

Aínda que, como recoñece Raposo, o simposio “ten unha tradición presencial desde os seus inicios no ano 1989”, o formato virtual ao que obrigou a pandemia puxo sobre a mesa as posibilidades que un seguimento virtual achega á hora de ampliar a participación de congresistas de América Latina. De aí que o comité organizador decidise sumar ao retorno a Poio a posibilidade de seguir “a inmensa maioría de actividades de xeito virtual”, á vez que situar, na medida do posible, as conferencias e mesas redondas, que serán retransmitidas por UVigo TV, en horario de tarde, co propósito de facilitar o seu seguimento desde América. 

Aínda coa matrícula aberta, o congreso conta a día de hoxe con preto de 190 inscritos e inscritas, dos que practicamente a metade seguirán o evento de forma virtual. Entre asistentes, conferenciantes e investigadores e investigadoras que presentarán comunicacións, o congreso contará con participantes de nove países: España, Portugal, Alemaña, Arxentina, Ecuador, República Dominicana, México, Costa Rica e Brasil. 

Conferencias, debates e talleres

Ligado inicialmente ao prácticum nas titulacións de ciencias da educación, a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) contribuíu a que o simposio fose progresivamente ampliando o seu obxecto de análise, de xeito paralelo á xeneralización das prácticas no ensino universitario. Nese senso, docentes de diferentes áreas tomarán parte nun foro que, ademais de nos ODS, porá tamén o foco en cuestións como a transformación dixital, o marco legal das prácticas, a investigación e innovación neste eido, as prácticas duais ou as experiencias de aprendizaxe-servizo.

Con ese obxectivo, o programa reúne unha serie de relatorios, mesas de debate e talleres, xunto coa presentación de 72 comunicacións por parte de investigadores e investigadoras de diferentes países. Xunto a outras actividades, contará cunha conferencia da vicerreitora da Universidad de Murcia e responsable do grupo de emprego da sectorial de estudantes da CRUE, Alicia Rubio; cun relatorio no que Monika Ciesielkiewicz, da Sookmyung Women´s University de Seúl,  trazará unha comparación entre as prácticas en Estados Unidos, Corea e España e cunha conferencia do catedrático da USC Miguel A. Zabalza sobre este complemento formativo e Axenda 2030. 

Os ODS serán tamén abordados nunha das  tres mesas redondas previstas neste simposio, na que participarán Juana López Pagán, directora xeral de Políticas contra la Despoblación do Ministerio para la Transición Ecolóxica y el Reto Demográfico; Isabel Martínez, directora de Universidades e Promoción do Talento da Fundación ONCE, e Nieves García, directora da oficina de prácticas da Universidad de Zaragoza. Así mesmo, tamén está prevista unha mesa na que estudantes de diferentes universidades achegarán a súa visión sobre prácticas e outra que proporá unha “visión internacional” deste complemento formativo, coa participación de docentes de Portugal, Alemaña e Ecuador.