DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os oficiais militares terán que realizar un posgrao para ascender a tenente coronel

Javier García analizou o novo modelo de ensino militar na apertura do curso da Cátedra Almirante Álv

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 17/11/2009

A Escola Naval Militar de Marín, adscrita como Centro Universitario da Defensa á Universidade de Vigo desde o mes de marzo, adaptará tamén o seu plano de estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) a partir do vindeiro ano 2010. Das principais características xerais do novo modelo de academias militares falou Javier García Fernandez, director xeral de Recrutamento e Ensino Militar, no relatorio inaugural do curso da cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, titulado O novo horizonte do ensino militar. Entre os principais cambios citou o sistema de ingreso, que, ao non ser por oposición, implica unha selección posterior dentro da academia, e o sistema de ascensos, que require a realización de cursos de posgrao. García Fernández salientou a importancia do cambio, que considera “unha esixencia das academias das Forzas Armadas en pleno século XXI. Así mesmo, quixo precisar que, como toda mudanza, “ten os seus riscos e doses de aventura, polo que non se poderá facer unha análise dos resultados ata dentro de dous anos”.
Ao acto de apertura, que tivo lugar no auditorio do Centro Social Caixanova de Pontevedra, acudiron tamén José María Pousada, director do centro universitario asociado á Escola Naval Militar de Marín, e Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, así como os membros da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio.
O novo modelo, na opinión de García Fernández, busca compatibilizar o ensino militar co civil. Por unha banda, establece unha continuidade dos estudos militares xerais e específicos. E pola outra, implanta a obrigatoriedade de impartir unha titulación universitaria que, no caso de Marín, será o Grao de Enxeñaría Industrial Mecánica. O director xeral de Recrutamento e Ensino Militar non descarta o aumento da oferta de titulacións no futuro se existe unha demanda crecente, “tendo como referente o sistema estadounidense, no que os militares poden realizar diferentes carreiras”.

A eliminación do ingreso por oposición implica unha selección dentro da academia

Outro dos cambios salientables do novo modelo, segundo García Fernández, é o sistema de acceso, que xa non require unha oposición, senón que se realizará en función da nota de selectividade “como en calquera outra facultade ou escola técnica superior”. Na súa opinión, a nota académica “non abonda para garantir a vocación militar”, polo que se establece un sistema no que o número de ingresos no primeiro curso é superior ao número de titulados finais. A respecto disto o director xeral sinalou que a selección se realizará a partir de agora dentro da propia escola militar, “o que implica que ao remate do primeiro ciclo o alumnado que non queira seguir a carreira militar terá que deixar o centro, coa vantaxe de que poderá continuar os seus estudos nos centros universitarios civís”.
Como último cambio fundamental do novo réxime de ensino militar, Javier García Fernández destacou que para ascender a tenente coronel os oficiais titulados terán a obrigatoriedade de realizar previamente un posgrao. Ante a dúbida formulada polo alumnado asistente ao acto con respecto á aplicación desa esixencia aos oficiais que se titularán polo plan vello, García Fernández indicou que, dende a lei de 1989, Reguladora do Réxime do Persoal Militar Profesional, todos os oficiais teñen títulos con validez civil e que, polo tanto, poden cursar un posgrao.
Así e todo, sinalou que o departamento de persoal militar está aínda precisando todos os puntos da aplicación práctica do novo modelo, desde a reestruturación das materias do plan de estudos, ata o sistema de selección dentro da academia, as convalidacións e os reaxustes precisos para ponderar as notas de ingreso do estudantado que realizase a selectividade antiga coa nova selectividade. De todos os xeitos, indicou que nos primeiros anos de aplicación do novo modelo funcionará como un “campo aberto a todo tipo de modificacións”.