DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A apertura oficial terá lugar o martes día 22 ás 13.00 horas

Os organizadores do XI Foro Tecnolóxico de Emprego quentan motores nos días previos á inauguración

Participarán un total de 23 empresas de primeira liña que convivirán toda a semana cos futuros profe

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Anabel Vila DUVI 18/03/2011
En tempos de crise a busca do primeiro posto de traballo é todo un reto, pero hai diferentes formas de afrontalo. A dos enxeñeiros da Universidade de Vigo parte do seu esforzo, do que fan para organizar un ano máis o Foro Tecnolóxico de Emprego que se desenvolverá do luns día 21 ao xoves 24. Nesta edición, que fai a número 11, “mellorou o número de empresas que participan, polo que conseguimos facer un horario de conferencias moi completo”, asegura Alicia Pérez, a súa coordinadora xeral.

Despois dun ano “que poderiamos dicir de recesión”, o vestíbulo da ETS de Enxeñaría de Minas acollerá 18 postos de empresa, aos que se unirán 5 firmas que só ofrecerán conferencias, durante os catro días que dura o foro. É destacable o feito de que moitas delas chegan ao foro por primeira vez. Alcoa, Babel, EF, Fundación Barrié de la Maza, Quantum, Imaxdi, Tecnópole ou Bancaja son algunhas das últimas en incorporarse a esta iniciativa organizada polo alumnado. Entre as que repiten encóntranse Accenture, Altia, Bosch, Cepsa, Egatel, Repsol ou R, así como iniciativas atractivas para os estudantes como foi a mesa redonda con pilotos de carreiras, que nesta edición terá lugar o luns ás 17.00 horas no salón de actos da EE Industrial . Ademais, durante todo o día un coche dos que o equipo Cafés Arume emprega no campionato de montaña estará aparcado diante da escola.

O que si teñen claro dende o comité organizador é a necesidade de que haxa “equilibrio entre as áreas. Tratamos de que a oferta estea aberta a todas as enxeñarías da Universidade”, sinala a súa coordinadora xeral, “tamén a Informática. De feito, moitas das consultoras que acoden pídennos o seu perfil”, recoñece.

Un calendario moi axustado

Durante os catro días que dura o foro os futuros enxeñeiros e enxeñeiras poderán participar en conferencias, validables por un crédito de libre elección, workshops, que nesta edición correrán a cargo de Altrán e R, e en mesas redondas dedicadas ao emprendemento, xa que o autoemprego é outra das opcións para acceder ao mercado laboral.

Aínda que a inauguración terá lugar o martes día 22, ás 13.00 horas, dende a mañá do luns 21 ata o xoves 24 o salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o salón de actos da EE Industrial e o vestíbulo da ETSE de Minas acollerán as diferentes actividades abertas a todo o alumnado interesado, sexan ou non da Universidade de Vigo.

Ademais, xa que ás veces aos estudantes non lles dá tempo a acudir a todos os stands que lles interesan, a organización ofrécelles a posibilidade de subilo á páxina web do foro para que eles se encarguen de distribuilos entre as empresas. O éxito desta iniciativa foi rotundo, xa que “nos dous primeiros días xa tiñamos 15, e agora xa rondamos os 100”, explica Alicia Pérez.