DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O mexicano Jorge A. Rosas abre esta liña de investigación da man do grupo REDE e de Economics for En

Os países emerxentes poderían copiar as políticas enerxéticas europeas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Jessica Fdez. DUVI 21/11/2011
A preocupación das empresas polo medio ambiente, polo desenvolvemento sociocultural e polo crecemento económico da súa contorna deriva na posta en marcha de medidas que velan por unha explotación sostible dos recursos dispoñibles. Deste xeito, o deseño de medidas legais e políticas de actuación responsables pasaron a ser unha constante na xestión e filosofía corporativa de moitas institucións para garantir as capacidades e o benestar das xeracións futuras. Por este motivo, o doutor en Enxeñaría Enerxética Jorge A. Rosas estuda da man do grupo de investigación REDE e do centro Economics for Energy como aplicar os últimos avances neste campo á xestión dos recursos de países emerxentes coma o seu, México.

Tras serlle concedida unha estadía posdoutoral polo Consello Nacional de Ciencia e Tecnoloxía do Goberno de México, CONACYT, Rosas incorporouse á Universidade "coma un investigador de alto nivel, participando nas reunións e actividades que realizamos. Grazas a súa presenza e experiencia, desenvolvemos unha nova liña de investigación centrada na posibilidade de empregar as medidas enerxéticas e medioambientais que se aplican en países europeos naqueles que están en vías de desenvolvemento. Trátase de coñecer, entre outros aspectos, a repercusión da implantación dun imposto sobre a enerxía, como é a súa demanda, consumo, etc...”, explica Xavier Labandeira, catedrático de Economía Aplicada e titor do investigador durante a súa estadía.

Unha elección acertada

Á hora de seleccionar a universidade na que realizar as súas tarefas investigadoras, Rosas buscaba unha institución que lle permitira ampliar os seus horizontes á hora de analizar e tratar temas relacionados coa enerxía. Como el mesmo indica, “nesta busca atopeime con que o doutor Xabier Labandeira realizaba estudos sobre políticas enerxéticas en diversos sectores, polo que non dubidei en establecer contacto con el para levar a cabo en Vigo o meu traballo”.

Tras a experiencia vivida ata o momento, o investigador afirma que a elección desta Universidade foi todo un acerto xa que está logrando os seus obxectivos “cun amplo marxe. Puiden acceder a novas e interesantes perspectivas de investigación cunha visión máis económica que antes descoñecía, así coma a outras formas de estudar e tratar os temas relacionados coa enerxía”, indica o investigador.

Expectativas de futuro

Aínda que a estadía que está a realizar ten unha vixencia anual coa posibilidade de permanecer en Vigo un ano máis, as súas expectativas de futuro céntranse en volver ao seu país natal. Rosas espera poder levar a cabo a súa tarefa investigadora e docente nalgunha universidade que o propio CONACYT lle asigne co fin de poñer en marcha alí as experiencias e coñecementos adquiridos, aínda que non está todo decidido. “Estiven en Vigo no ano 2008 nun congreso de enerxía solar e, cousas do destino, regresei a esta terra. Por iso creo que isto apenas é o comezo, xa que nunca se sabe onde te pode levar a vida e as circunstancias”, subliña.