DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Economics for Energy publica 'Climate Change Policies', presentado no Cumio de Cancún

Os países precisan dunha inversión do 1% do PIB para ter políticas climáticas efectivas

Anil Markandya, Premio Nobel da Paz, chegou de México coas principais cuestións económicas do cambio

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 13/12/2010
Creouse en tempo récord pensando en que estivera listo para o Cumio do Cambio Climático de Cancún e que fora de utilidade aos negociadores, reguladores públicos, empresarios e xornalistas que se daban cita en México. O resultado chamouse Climate Change Policies. Global Challenges and Future Prospects (Políticas contra o cambio climático. Desafíos globais e perspectivas de futuro), un compendio actualizado dos distintos aspectos económicos relacionados coas políticas climáticas e coa participación de 28 expertos internacionais. “Non pretendemos dar resposta a todas as preguntas, pero si pór o noso graniño de area cun produto que non existía no mercado”, explicou na presentación nacional do libro Xavier Labandeira, catedrático da Universidade de Vigo e director do centro privado de investigación Economics for Energy.

Tras un cumio que rematou con acordos de mínimos e sen o consenso xeral preciso para firmar protocolos como o de Kioto, os expertos sitúan os custos da aplicación destas políticas climáticas como un dos aspectos que non deixa dar aos países o paso definitivo. “Son políticas que xeneran moitos gastos, por iso hai que deseñalas ben. Combustible, roupa... todo ten emisións de CO2 asociadas, por iso hai que buscar que os custos sexan os mínimos”, recalcou Labandeira. Nunha sociedade tan dependente das enerxías fósiles, pór en marcha políticas contra o cambio climático eficaces pode supoñer un desembolso do 1% do PIB de cada país. O obxectivo é claro: en 2050 a temperatura media da superficie da terra terá que ser dous graos inferior e a emisión de gases á atmósfera un 50% menor.

En clave de futuro

Os expertos basean a súa defensa das políticas contra o cambio climático en que os beneficios a medio e longo prazo son moi superiores aos gastos que xeran. “Os custos da acción son menores que os da inacción. Ademais hai que ver isto como un lugar onde atopar oportunidades, novos nichos de mercado. Camiñamos cara unha economía baixa en carbono e os países que sepan posicionarse van xogar con vantaxe”, argumentou o profesor da Universidade Complutense de Madrid e coautor do libro, Emilio Cerdá. Agora ao desinterese entre a poboación por temas de cambio climático, en parte pola aparición da profunda crise económica, hai que sumar o índice de emisións que traen aparelladas as importacións. “As últimas estatísticas deixan claro que as emisións per capita dos países europeos non melloraron a pesar de aplicar políticas contra o cambio climático. A razón é que boa parte dos produtos que importamos e consumimos proveñen de países como China, onde o control das emisións non existe”, recalcou Labandeira.

O papel que xogan os países en vías de desenvolvemento neste panorama é fundamental e “teñen que facer sacrificios e traballar arreo para conseguir os obxectivos sen renunciar ao crecemento”, recordou Anil Markandya, Premio Nobel de la Paz 2007 pola pertenza ao Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático, participante no libro e un dos principais economistas ambientais en activo. O profesor foi o protagonista da segunda conferencia sobre empresa, sostenibilidade e enerxía organizada polo grupo de investigación Rede dentro do Máster Oficial en Xestión do Desenvolvemento Sostible coa colaboración de Economics for Energy e a Fundación Pedro Barrié de la Maza, na que fixo un balance das principais cuestións económicas asociadas ao cámbio climático trala reunión de México, “que supuxo un paso cara adiante en positivo, aínda que non estamos no lugar que deberiamos”. Para el os custes son un problema sinxelo de solventar: “hai un abano moi amplo de tecnoloxía para que cidades enteiras poidan funcionar sen depender dos combustibles fósiles, o problema é o que custa. A competencia entre empresas sería a mellor solución”, rematou.