DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No libro 'Presos e prisións na Galicia de guerra e posguerra, 1936-1945'

Os papeis retratan o día a día das prisións da Guerra Civil

O historiador e docente Domingo Rodríguez Teijeiro achega un novo punto de vista das prisións nesta

Etiquetas
  • Pontevedra
Bea Feijoo DUVI 11/01/2011

“As prisións foron un elemento clave na represión franquista”. Deste xeito é como o historiador e docente da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, Domingo Rodríguez Teijeiro, contextualiza e valora o seu libro Presos e prisións na Galicia de guerra e posguerra, 1936-1945, recentemente publicado. Aínda que o tema da guerra civil en relación coa opresión está fondamente estudado, con esta nova publicación achégase un novo punto de vista da situación e funcionamento dos cárceres durante os primeiros anos do franquismo, non tanto desde a memoria histórica, senón desde a análise da documentación que se conserva de diferentes prisións provinciais de Galicia. Como engadiu o autor “botouse man da historia e non só da memoria”.

Como consecuencia, todo o libro está enfocado “desde o punto de vista das prisións”, o que significa que se explican como funcionaban ou como se organizaban a partir da documentación que o propio historiador foi recadando das antigas prisións provinciais. Como comentou Teijeiro, “un dos grandes problemas co que se atopa o historiador é a falta de fontes”, pero nesta ocasión descubriu que o cárcere da provincia de Ourense conservara todo o arquivo histórico das súas predecesoras, o que lle permitiu enfocar a investigación desde esta nova óptica documental. “Tal é o volume de información almacenada que non hai ningunha provincia española que a iguale”, engadiu o historiador.

Grazas á dispoñibilidade destas fontes primarias, Domingo Teijeiro deixou nun segundo termo o emprego da memoria histórica, xa que “moitos recorren a ela precisamente por esa falta de fontes”. No estudo das prisións durante a Guerra Civil “había necesidade de coñecer outro punto de vista, non só a de crear unha análise a partir do testemuño dos presos”, dando lugar a un “traballo de historia, non de memoria”, ampliou. Mais, na súa obra tamén empregou o testemuñal sobre todo para contrastar o que describían as fontes documentais.

É, a xuízo do autor do libro, transcendental o estudo dos cárceres durante os primeiros anos do franquismo porque se converteron nunha institución clave coa que frear os movementos en contra do réxime, disolvendo e represaliando calquera grupo de poboación contrario aos valores establecidos. Pero, como explicou o historiador “os cárceres non eran soamente un emprazamento de castigo, pretendíase algo máis, reconvertelos”. Deste xeit,o ademais de desmobilizar movementos subversivos, as institucións penitenciarias tiñan a intención de redimilos, de reorientalos, de desactivalos ideolóxica e politicamente para volver a reinsertarse na sociedade, “xa que na súa maioría eran traballadores, proletarios e facía falta man de obra”, en palabras de Teijeiro.

Medidas “benevolentes”

Aínda que se trataba dun sistema represivo, consecuencia dunha Guerra Civil, o certo é que dentro deste contexto, dentro da vida dunha prisión, atopábanse diferentes actitudes de xente que se preocupa polos reos. Así, “a pesar de que moitos morrían de fame porque o sistema non era quen de manter tal volume de poboación, por exemplo monxas da prisión de Celanova percorrían a comarca para conseguir alimentos cos que manter aos presos”, aclarou o historiador. “Non se pode obviar que había malos tratos por parte dos funcionarios de prisións, habendo noticias de disparos aos presos por estar asomados á ventá, pero mentres había estas mostras de brutalidade tamén hai evidencias das xestións do director da prisión para que non se repetisen eses feitos”, engadiu.

Papel da igrexa

A igrexa xogou un papel importante na historia das prisións de posguerra. Nelas “atoparon unha oportunidade para adoutrinar a unha poboación que nun principio era anticlerical”. Tentábase reconverter aos presos a partir de conferencias, charlas, misas ou a través dun sistema de redución de penas polo traballo intelectual, mediante o estudo do catequismo. “Servíndose dun sistema que ampliaba os beneficios da liberdade condicional, permitiuse saír da cárcere a xente con condenas de 20 anos”, concretou Domingo Rodríguez. Non obstante, era necesario diferenciar entre os presos denominados “anteriores a 1 de abril de 1939”, condenados por delitos durante a guerra, que eran os que gozaban das medidas máis “benevolentes” e da redución de penas, e os “posteriores a 1 de abril de 1939”, reos por movementos políticos en contra do franquismo, os que non tiveron ningunha exención.