DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Manuel Pazos coordina a Unidade de Voluntarios en eventos deportivos

Os participantes do Campionato de Duatlón de España puxéronse nas mans do alumnado de Fisioterapia

En plena época de exames os alumnos e alumnas colaboran en diversos maratóns e carreiras populares

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Iolanda Fernández DUVI 29/04/2013

Entre exame e exame 11 alumnos e alumnas de 3º e 4º curso do Grao en Fisioterapia buscaron un oco para colaborar de xeito totalmente desinteresado no Campionato de España de Duatlón que tivo lugar esta última fin de semana en Pontevedra. Entre o sábado e o domingo, estes futuros profesionais atenderon ao redor dunhas 100 persoas das máis de 500 que se inscribiron para participar nalgunha das tres modalidades do campionato: deportistas de elite, paraduatlón e carreira popular. Esta colaboración non é unha excepción, xa que a Unidade de Voluntarios de Fisioterapia en eventos deportivos realiza unha media de entre 12 e 15 actividades extracurriculares coma esta ao ano, segundo salienta o seu coordinador, José Manuel Pazos.

Para o alumnado esta “é unha oportunidade única que serve de complemento á súa formación académica nun momento complicado, xa que, os alumnos e alumnas están en plena época de exames e moitos deles preparando o seu traballo de fin de grao”, destaca Pazos. Con todo, cómpre salientar que unha pequena parte do alumnado da facultade, toma contacto, por primeira vez, coa realidade da profesión e máis cos pacientes a través deste tipo de actividades “aportándolle aos eventos deportivos un valor engadido digno de mención”. O traballo duro, o traballo de verdade realízano os voluntarios, “eu son un mero administrador”, destaca o coordinador.

Os usuarios e usuarias deste servizo amósanse agradecidos e valoran moi positivamente a colaboración do alumnado da Facultade de Fisioterapia. Para Pazos, proxectos coma este “dan boa mostra do traballo diario que realizamos con outras moitas institucións da cidade”. A maiores, son tamén ex alumnos e alumnas da facultade quen axudan aos futuros profesionais neste tipo de actividades exercendo de coordinadores de grupo no lugar de traballo.

Un traballo constante

Ata o de agora, a Unidade de Voluntarios de Fisioterapia ten colaborado en múltiples eventos deportivos como son a Carreira de San Martiño de Ourense, o maratón Vig-Bay ou outras moitas actividades organizadas polo Concello de Pontevedra e o Instituto Municipal de Deportes. Para o vindeiro mes de maio está previsto que acudan á chamada da Brigada de Infantería Lixeira Aerotrasportable (Brilat) e en setembro a un maratón de alcance nacional.