DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XXIX Campionato Nacional Universitario de Fútbol Sala do PAS

Os PAS, de anfitrións a posibles campións

Este sábado o equipo vigués disputa a final ante o Cádiz no Pavillón Municipal de Deportes de Pontev

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 10/06/2011

Na final. Así se atopan os 14 membros do equipo de fútbol sala do Persoal de Administración e Servizos da Universidade no XXIX Campionato Nacional Universitario, organizado este ano pola institución viguesa. Un total de dez equipos procedentes de dez universidades españolas, de Alacant, de Oviedo, de Santiago de Compostela, de Granada, de Cádiz, de Murcia, de Almería, de Illes Balears, de A Laguna e de Vigo, participan no torneo que se disputa ao longo desta semana no campus pontevedrés e que celebra este sábado a súa final, na que se enfronta o equipo vigués ao gaditano, ás 11.30 horas no Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra.

Como explica Xoán Cebro, principal coordinador da actividade, “é a segunda vez que xogamos a final desde que entramos a participar en 1996, pero nunca gañamos, a ver se desta vez o conseguimos. Temos posibilidades”. O equipo universitario vigués de PAS, con representantes dos tres campus, chega á final tras gañar todos os partidos disputados no torneo. “Fomos os mellores do grupo A e este sábado xogaremos con representantes da Universidad de Cádiz, que quedaron de primeiros tras gañar este venres o seu último partido”, engade Cebro.

Non só competición, tamén turismo e gastronomía

Aínda que o principal atractivo deste encontro entre máis de 140 PAS laboral e funcionario de toda España sexa o torneo de fútbol, Cebro aclara que a súa finalidade “non é soamente deportiva e competitiva”. Este tipo de xuntanzas, que se celebran cada ano nunha universidade diferente, “e a de Vigo xa é a segunda vez que exerce de anfitrioa”, ten como obxectivo crear unha xornada de convivencia na que o persoal de administración e servizos de distintos puntos de España “poida intercambiar as súas experiencias e inquedanzas, coñecendo o que sucede máis aló da súa institución”, subliña o coordinador.

Deste xeito, ao longo da semana os convidados coñeceron os “puntos fortes” da Universidade de Vigo, entre eles o proxecto Campus do Mar e a importancia que ten para Galicia e para as institucións que o promoven. O encontro tamén incluíu unha xornada de turismo pola costa viguesa, na que percorreron os seis quilómetros que separan Alcabre de Canido, facendo parada na ECIMAT.

E como bos anfitrións tampouco puido faltar unha degustación da típica gastronomía galega coa celebración dunha romaría no campus de Pontevedra este xoves. Amenizada por un grupo de música tradicional, instaláronse postos con polbo, churrasco, empanada, mexillóns, xamón... “conseguindo que nos felicitasen pola organización e que todos esteamos a pasar unha semana agradable e en convivencia”.