DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil acolleu un obradoiro gastronómico no que cociñaron chulas de cabaza

Os pequenos grandes chefs do Samaín pontevedrés

A través destas actividades os nenos e nenas coñecen as tradicións da súa contorna

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 31/10/2012

A Escola Infantil do campus pontevedrés goza nestes días dun ambiente un tanto diferente. A súa decoración mudou nesta semana para celebrar a festividade do Samaín, co propósito de que os nenos e as nenas coñezan e se familiaricen coas tradicións da súa contorna. Para iso, ademais da tradicional festa de disfraces que terá lugar este venres, o centro tamén organizou un obradoiro gastronómico no que os cativos aprenderon a preparar chulas de cabaza axudados polas súas educadoras. “É unha forma lúdica para que dende pequenos entren en contacto cos costumes da sociedade e que os vivan en primeira persoa”, explica Ángeles Rodríguez, directora da escola.

Ademais de coñecer os elementos máis significativos desta festividade celta, os nenos e nenas tamén tiveron a oportunidade de manipular alimentos e ingredientes, tales como a carne da propia cabaza, azucre, ovos e fariña. “Foron os propios cativos, coa supervisión do corpo docente, quen botaron as compoñentes e confeccionaron a masa para as chulas”, relata Rodríguez que confesa sentirse sorprendida da naturalidade coa que os rapaces e rapazas se desenvolveron durante a actividade, “non tanto ante a carne de cabaza, debido en parte a que lles é menos coñecida que o azucre ou a fariña”, engade. O resultado, varias lavadoras de roupa sucia “pero tamén bandexas e bandexas de doces que non dubidaron en probar”.

Aprendizaxe a través da experimentación

A directora da Escola Infantil do campus defende que este tipo de actividades e obradoiros nos que os nenos e nenas experimentan dende a súa propia experiencia coa realidade diaria “son os mellores procesos de aprendizaxe, pois ademais de traballar en equipo, eles mesmos coñecen de primeira man os elementos, espertando moito máis o seu interese por aprender”. En vez de empregar o método explicativo, recórrese á asociación, “xa que non lles explicamos que é unha cabaza ou o Samaín, presentámosllos e preferimos que os vivan en si mesmos”, subliña a directora. Para esta festividade tamén solicitaron a colaboración dos pais e nais, “para que sempre estean integrados e involucrados nas actividades dos seus fillos e fillas”. Desta volta tiveron que decorar cos seus cativos na casa cadansúa cabaza “e a resposta foi sorprendente, conseguimos xuntar bastantes exemplares”, comenta Rodríguez.

Despois do Samaín toca “vestirse de Magosto”. A Escola Infantil xa está en conversas co Concello de Pontevedra para organizar para o vindeiro 9 de novembro unha “auténtica romaría” na que non faltarán castañas e música. “Buscamos a colaboración do concello para que nos axude a traer un asador de castañas e poder cociñalas aquí en compañía de pais, nais, nenos, nenas e educadoras”.