DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle unhas xornadas sobre o futuro laboral dos titulados

Os perigos de que o deporte avance cara o libre exercicio profesional

Os colexios profesionais alertan dun anteproxecto de lei que non esixe unha titulación para traballa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 27/03/2014

A tantas veces repetida afirmación de que facer deporte é bo para a saúde non lle serve como norma sen excepcións ao presidente do Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Colef), Vicente Gambau. “En función de como o practiques, o deporte pode ser beneficioso ou non, e niso teñen moito que ver os profesionais”, salientou na súa intervención nas xornadas formativas que se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Gambau alertou aos futuros titulados das consecuencias dun anteproxecto de lei sobre servizos profesionais que, no ámbito deportivo, “vai permitir o libre acceso e o libre exercicio”.

Avaliar o problema que existe neste ámbito para os titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte é precisamente un dos eixos centrais das II Xornadas Formativas Regulación e saídas profesionais no deporte, que impulsou a Delegación de Alumnos da facultade coa idea de amosar ao alumnado o panorama laboral ao que se terán que enfrontar no día de mañá. A este respecto, Gambau incidiu na necesidade de que sexan conscientes de que o “titulado universitario non é o único profesional traballando no sector” e advertiu que desde 2005 é posible acceder aos postos de traballo vinculados coa práctica deportiva a través da acreditación de aprendizaxes non formais ou das competencias e a experiencia laboral. “Existen 32 vías para que persoas sen titulación poidan exercer a profesión”, apuntou Gambau, que criticou que os servizos de emprego impartan “un curso de 300 horas que te habilita para exercer como monitor deportivo”.

Deporte máis alá da competición

O panorama actual non mellorará, a xuízo de Gambau, co anteproxecto de lei sobre colexios e servizos profesionais no que traballa o Goberno central e que “vai permitir que os servizos profesionais na educación física e o deporte poida prestalos calquera, sen ningún requisito de cualificación ou de formación”. As únicas excepcións estarían, segundo o presidente do Colef, no ámbito do profesorado de Educación Física e do deporte federado. Con respecto a este último, para Gambau resulta “curioso que esixan títulos para a practica do deporte competitivo e institucionalizado pero non para o que fan o resto de cidadáns, que son a ampla maioría”. De feito, só o 16% das persoas que practican deporte en España fano nos ámbitos federativo ou profesional, mentres que o 84% restante corresponden ao chamado deporte recreativo, que engloba desde o fitness ás actividades físicas no medio natural e ao deporte social, constituído por “aquelas prácticas que buscan o desenvolvemento comunitario e a educación da cidadanía a través do deporte”.

Por todo isto, Gambau avoga por entender o deporte como “un sector que engloba todo tipo de actividades e servizos heteroxéneos e que implica a máis da metade da cidadanía”, que busca na súa práctica uns beneficios para a saúde que podería non obter “sen un profesional competente”. Neste senso, Gambau subliñou que “o deporte é bo para a saúde cando o fas dunha forma apropiada e ben dirixido. Do contrario, pode producir lesións ou ter efectos nocivos, por exceso ou por defecto”. Por iso o Colef defende que se “requiran uns coñecementos e competencias” ás persoas que traballan neste ámbito. “Non todos os servizos profesionais requiren dun titulado universitario, pero hai actividades nas que se necesitan coñecementos científicos e técnicos, como traballar con persoas con patoloxías ou que se están recuperando dunha lesión e eses coñecementos obtéñense na universidade”, salientou o seu presidente.

Unión en defensa da profesión

Ademais desta problemática, as xornadas impulsadas pola Delegación de Alumnos tamén se centraron na representación estudantil no ámbito das Ciencias da Actividade Física e do Deporte, coas intervencións de Luis Cereijo, presidente da Coordinadora de Representantes de Estudantes das Universidades Públicas (CREUP), e Inés Ballade, presidenta de Anecafyde, a asociación que agrupa ao alumnado desta titulación de 26 universidades españolas, entre as que se atopa a de Vigo desde o momento da súa fundación. Así o resaltou na inauguración destas xornadas a decana, Francisca Fariña, que convidou ao estudantado a unirse “en defensa da vosa profesión, algo fundamental nun momento no que nos estamos xogando moito”. De aí que Fariña animase tamén aos presentes a entrar a formar parte dunha Delegación de Alumnos da que salientou a súa implicación e motivación para poñer en marcha iniciativas como estas xornadas.

Catro olladas ao mundo laboral

Pola tarde, estas xornadas continúan cun bloque de relatorios centrado nas saídas profesionais, dirixido a que os estudantes poidan ver que “existe un grande abano de posibilidades e que con esta titulación poden acabar facendo algo que realmente lles guste e co que poidan axudar aos demais”, salienta Jaime García, representante da delegación. De informarlles de cara a onde poderán orientar a súa vida laboral responsabilízanse os profesores da Universidade de Vigo Roberto Barcala e Óscar García, que abordan os campos do ensino e o emprendemento, e dous egresados da facultade, Félix Fernández e Miguel Alonso. O primeiro, coordinador do centro de rehabilitación do Hospital Miguel Domínguez, falará do traballo con persoas con lesións ou patoloxías, mentres que o segundo relatará a súa experiencia como preparador físico de equipos de fútbol como o Pontevedra, o Recreativo de Huelva ou o Leganés.