DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván Puentes, alcalde de Fene, falou sobre as novas tecnoloxías na política en CCSS e da Comunicació

Os políticos 'petan en cada unha das casas' a través das redes sociais

O seu uso permite elaborar mensaxes individualizados que xeran resposta dos cidadáns

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 02/05/2011

Se nas anteriores eleccións municipais “petamos en cada unha das casas para chegar individualmente a cada un dos 6500 veciños, esta vez intercambiaremos impresións con cada cidadán grazas á posibilidade que ofrecen as redes sociais”. Con estas palabras, Iván Puentes, ex-alumno de Publicidade e Relacións Públicas e actual alcalde de Fene, destacou a inmediatez e a bidireccionalidade que achegan as novas tecnoloxías ás campañas electorais, “permitíndonos transmitir mellor a nosa mensaxe”. Na súa visita á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación deixou claro que “no fondo, son unha ferramenta máis que nos aproxima ao noso electorado”.

En primeiro termo, desmitificou o uso das redes sociais, aclarando que “non son unha fórmula máxica que, por empregalas, se vaian a gañar as eleccións”. Agora ben, telas en conta supón “pasar de lanzar unhas mensaxes ao aire a desenvolver campañas moito máis directas” coa creación dun diálogo constante entre cidadáns e políticos. Este intercambio de opinións, engade Puentes, “permítenos reforzar a nosa mensaxe, enriquecendo as nosas propostas a partir do que pensa realmente a xente”, ademais “de que lles das a oportunidade de coñecer de preto ao candidato e de que o poña a proba, democratizando a comunicación e a relación entre uns e outros”.

Un Facebook adaptado á realidade do candidato

O alcalde de Fene subliñou a necesidade de que toda a estratexia comunicativa 2.0 deseñada para un candidato “non debe ser inventada para o momento”. Apuntou que “un perfil en Facebook soamente funcionará se o candidato certamente vive na rede social, que o empregue para política pero tamén no resto da súa vida”. Se non é así, “os perfís na rede perderán a súa esencia e a xente non o verá como cribles, porque de feito, non o son”.

Ao alumnado de Publicidade e Relacións Públicas trasladoulles algunhas das claves sobre o emprego da comunicación 2.0 nunha campaña electoral dun municipio galego, o que sempre implica “traballar con moi poucos recursos e brindarlle moita dedicación”. Falou do Facebook e da súa barra de estado, “a que pode pasar desapercibida, pero pode servir para combater esa imaxe de que os alcaldes non fan nada, actualizándoa cada pouco e dándolle visibilidade ás vinte actividades e reunións que tiveron no día” o que facilita o intercambio de opinións e “á transparencia política”.

Adeus ás campañas municipais “seguidistas”

Grazas á proliferación das novas tecnoloxías, “as campañas municipais deixan de ser seguidistas das xerais e autonómicas, afastándose de imitar o vídeo electoral ou o discurso do candidato a presidente do goberno”. Deste xeito, o emprego das mesmas “introducen unha visión máis propia, máis digna, máis próxima á realidade do lugar, pois con calquera teléfono móbil de última xeración podemos realizar unha peza audiovisual bastante digna para presentarlla aos veciños”.

O alcalde máis novo de Galicia recoñeceu que o proceso electoral cara as votacións municipais do vindeiro 22 de maio “atópase moi parado, froito da nova lei que nos mantén coa boca pechada ata este xoves”. Comentou que non hai moito ambiente electoral na rúa polo que espera “que se produza unha explosión de ideas e de propostas e que se leven a cabo as campañas máis dinámicas, máis modernas e máis próximas da era da democracia”.