DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Rúas, Emma Torres e Juan Corbacho participarán no ciclo de conferencias ‘Política do século XXI

Os políticos recurren aos expertos do campus para mellorar as súas estratexias de comunicación

Organizadas polas Xuventudes Socialistas, terán lugar este fin de semana no concello de Boiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 16/02/2011
Os políticos son cada vez máis conscientes da necesidade de dominar as técnicas de comunicación e por iso e, chegados determinadas datas, tentan porse ao día das estratexias máis eficaces. Neste contexto, tres profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Rúas, Emma Torres e Juan Corbacho, participarán esta fin de semana no ciclo de conferencias Política do século XXI organizadas polas Xuventudes Socialistas de Boiro, nas que tratarán diferentes aspectos relacionados coa comunicación política, “para incidir non só na importancia da comunicación, senón da necesidade de formarse neste eido”, apuntan os participantes.

Concienciación a nivel local

A organización deste ciclo de relatorios pretende, ademais de dar a coñecer aos políticos diferentes técnicas de interacción, “facer que a sociedade en xeral comprenda a complexidade da política, aproximándose a ela dunha forma máis amena”, comenta a profesora Emma Torres, para lograr “o achegamento de dous polos que se que se interrelacionan e se complementan”. A nivel autonómico e provincial, os gobernos xa teñen interiorizado a importancia de aspectos como a imaxe e a oratoria, e agora no ámbito máis local tamén se están dando conta da necesidade da correcta xestión da comunicación e das campañas electorais e de contar con asesoramento, xa que “anteriormente as cousas íanse resolvendo pola implicación individual das persoas que estaban nunha agrupación política pero agora hai que atender a moitos máis factores, pois unha campaña electoral é moito máis complicada de xestionar que antes, polo que se fai necesario un apoio”, engade Torres.

Aproveitando que os docentes traballan profesionalmente e investigan no eido da comunicación política, desde Xuventudes Socialistas solicitaron a súa colaboración para que deran a coñecer distintos aspectos dos seus campos de estudo. Deste xeito, Xosé Rúas falará sobre Políticas cívicas e Xuventude, amosando a importancia que para o experto ten que as cidades traballen sobre a súa propia imaxe, xa que “débese defender a identidade das mesmas a través da redacción duns principios que recollan o pacto cidadá e a súa alma”, explica Rúas. Trátase de establecer unha guía que protexa a cidadáns e políticos “de problemas que abundan na actualidade, como o botellón, ruídos, pintadas...”.

Pola súa banda a profesora Emma Torres centrarase no emprego das novas tecnoloxías na política, concretando no traslado da imaxe e actuación dos políticos a internet e ás redes sociais. A docente expón que “agora todo o mundo quere estar presente e empregar as novas aplicacións que brinda internet, pero non vale de calquera xeito, hai que xestionalo dunha forma correcta, adecuada e en consonancia cos obxectivos que se queren conseguir con esa ferramenta”. Tamén intervirá Juan Corbacho cunha lección maxistral titulada A importancia da comunicación política, cunha orientación “moi práctica”. Para Corbacho, “nos políticos ten especial importancia o que di, pero tamén como o di”, destacando deste xeito a importancia que ten na imaxe a comunicación non verbal, “porque en moitas ocasións como se comporten en público influirá na opinión que o cidadán de a pé teña sobre o goberno, partido político ou candidato” .

Escolas de formación

Paralelamente, os profesores Emma Torres e Xose Rúas colaboran na Escola de Formación do Partido Socialista, “impartindo aos candidatos cursos intensivos para formalos en xestión estratéxica das campañas e en comunicación”, apuntan os docentes. Un sábado en cada provincia “a candidatos alcaldables, xente con posibilidades de saír lles explicamos habilidades de comunicación, de imaxe, de oratoria, telexenia, técnicas persuasivas…”, aclara Xosé Rúas.