DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Apunta como solución a transformación do excedente de vivenda libre en vivenda protexida

Os pontevedreses demandan vivenda pero non poden mercala, segundo un estudo no que participa a Universidade

Coordinou o equipo José María Martín Moreno, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 27/04/2010

No concello de Pontevedra segue habendo demanda de vivenda malia a crise económica, o que estaría fundamentado na súa estrutura de poboación, coa idade media máis moza de Galicia. Existe unha demanda real de primeira vivenda entre os sectores máis novos da cidadanía que buscan emanciparse e tamén entre aqueles que queren cambiar de casa para unha máis grande ou noutra zona. Non obstante, o momento non favorece a compra, polo que hai un excedente de 6000 residencias no termo municipal. Estas son as principais conclusións dun estudo encargado pola Concellaría de Vivenda ás universidades de Vigo e Santiago de Compostela, co obxectivo facer unha diagnose da situación para trazar as políticas municipais a seguir.
Coordinou a investigación por parte da Universidade de Vigo José María Martín Moreno, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; mentres que pola de Santiago de Compostela o fixo Nieves Lagares, decana e profesora da Facultade de Ciencias Políticas e Empresariais. Os dous docentes deron a coñecer hoxe os resultados, xunto coa concelleira de Urbanismo, Teresa Casal.

Converter o excedente de vivenda libre en vivenda protexida

O equipo vigués encargouse de realizar unha análise socioeconómica con base á evolución do sector inmobiliario residencial, tendo en conta o escenario antes da crise e o actual. Segundo os datos achegados polo profesor Martín Moreno, entre 1991 e 2001 construíronse de media en Pontevedra 600 vivendas por ano; de 2001 a 2009 pasouse a 1.000 vivendas ano; e en 2009 só se iniciaron 162. “O concello reproduce a casuística estatal e por mor da crise económica a construción dividiuse por seis e a venda baixou un 50%”, comentou ao respecto.
Iso, sumado ás consecuencias do boom inmobiliario precedente, fai que no concello exista un excedente de 6.000 vivendas. Ademais, existe un desaxuste entre a oferta e demanda, pois a maioría das persoas buscan unha vivenda familiar, duns 100 metros cadrados, mentres os pisos existentes están entre os 40 e 60 metros.
O profesor Martín Moreno atribuíu tamén os atrancos para a compra a que só o 6% do construído é vivenda protexida e a que os prezos, ao contrario do esperado, non caeron no municipio e están por riba da media galega. Neste sentido, o estudo recomenda adoptar políticas dirixidas a reabsorber ese stock, que pasarían pola transformación da vivenda libre en vivenda protexida. “A construción de vivendas novas de protección oficial só ten sentido para determinados grupos de poboación con menos recursos”, apuntou Martín Moreno, en referencia a urbanizacións como a de Valdecorvos.

Un 50% prevé cambiar de casa en 2 anos

A USC realizou a parte demoscópica do estudo, para coñecer as características do tipo de vivenda que demanda a xente. Desenvolveu unha enquisa con dúas mostras diferentes, unha xeral e outra específica de demandantes de vivenda. Na primeira entrevistáronse 652 persoas e na segunda a 102. Entre outros datos, a profesora Lagares destacou que, da mostra específica, 4 de cada 10 persoas está realizando unha busca activa de vivenda. De forma xeral, o 50% cre que poderá cambiar de casa nos próximos 2 anos. Un 67% busca unha vivenda multifamiliar, mentres que o 24% busca unha unifamiliar. A superficie media que se pide é de 100 metros cadrados e pagaríase un máximo de 166.200 euros por esa propiedade, cun modo de pago aprazado en 25 anos e unha cota media asumible de 610 euros ao mes.