DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto o prazo de presentación de proxectos ao certame que impulsan Vicerreitoría e Consello Social 

Os Premios Crea promoven o traballo conxunto de estudantes de diferentes ámbitos

Recoñeceranse as obras realizadas por cando menos dous alumnos de dúas áreas distintas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/03/2022

“Recoñecer diferentes facetas da actividade creativa e de innovación desenvolvida polo alumnado da Universidade de Vigo, na que participen estudantes de diferentes ámbitos de coñecemento” constitúe, como recolle a súa convocatoria, o obxectivo central dos segundos Premios CREA-Creatividade e Innovación. Promovidos pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, están dirixidos a promover o traballo interdisciplinar do alumnado, premiando a realización de obras que impliquen, cando menos, o traballo conxunto de dous estudantes de dous dos ámbitos dos proxecto de especialización do campus. Ata o 29 de abril permanece aberto o prazo de presentación de propostas á segunda edición deste certame, no que se outorgarán tres premios, cunha dotación económica de 1500, 1000 e 500 euros, respectivamente.

Concretamente, como recolle a resolución reitoral pola que se convocan estes premios, destaca que as obras presentadas deben reflectir o traballo conxunto de estudantes de, cando menos, dous dos seguintes ámbitos: medio ambiente e natureza; arte, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública e deporte, saúde e benestar. “Son uns premios que fomentan a cooperación entre estudantes de ámbitos diferentes, o que sempre é enriquecedor e positivo”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, que explica que se trata dun certame no que “a natureza das obras está totalmente aberta, co requisito de que a realicen estudantes de diferentes ámbitos e que iso quede reflexado na obra”. Búscase, como recolle a convocatoria, “de poñer en valor o feito fundamental da innovación que xorde das novas ideas, saíndo dos percorridos predeterminados, procurando acadar novos produtos e producións orixinais”

Aberto o prazo de presentación

Ata o 29 de abril ás 14.00 horas, poderán presentarse, na sede da Vicerreitoría do campus, as propostas para optar a uns galardóns nos que se outorgarán 3000 euros en premios, da man do Consello Social. Ao certame pode concorrer todo o alumnado matriculado na Universidade de Vigo no presente curso, aínda que co propósito de contribuír á proxección do Campus Crea, os catro ámbitos definidos nestas bases son os que conforman un proxecto de especialización que “aposta pola creatividade como motor da educación universitaria do século XXI”, como recolle a convocatoria.

O alumnado interesado en participar deberá presentar un sobre cunha breve descrición da obra, o seu título e o nome dos seus autores e autoras, xunto cunha breve memoria explicativa do desenvolvemento do proxecto, “que permita coñecer a cooperación entre as diferentes disciplinas implicadas”. Así mesmo, tamén deberán achegar a obra realizada ou imaxes ou vídeos desta, no caso de que a súa entrega física non sexa posible “por dificultades de traslado ou por causa xustificada”. As creacións premiadas pasarán a ser propiedade da Universidade e serán expostas nos centros do campus. 

“Unha experiencia moi positiva”

Inseridos na colaboración entre a Vicerreitoría e o Consello Social estes Premios Crea impulsáronse o pasado curso por primeira vez “e foi unha experiencia moi positiva, na que se presentaron case unha decena de obras, que estaban realmente moi ben”, salienta Souto. Nesa primeira edición, o primeiro premio foi para Corpos do posible, unha obra sobre a diversidade de xénero realizada pola titulada no máster en Dirección de Arte en Publicidade Anubis Muñoz e a egresada do máster de Profesorado Doira Barrio. Tamén foron galardoadas as obras O refuxio, da estudante da EE Forestal Nieves Guimeráns e da alumna de Belas Artes Raquel F. Couto, e Detrás de, realizada polas estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes Xela Neira e Lola Rodríguez.