DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Doira Barrio e Anubis Muñoz acadaron o primeiro premio por unha obra sobre a diversidade de xénero

Os Premios Crea recoñecen o traballo interdisciplinar de seis alumnas do campus

Dirixidos a proxectos ideados conxuntamente por estudantes de diferentes ámbitos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/09/2021

Que alumnado de cando menos dos dous ámbitos de coñecemento do campus de Pontevedra traballase conxuntamente no desenvolvemento dunha obra de carácter interdisciplinar era o propósito central dos Premios Crea-Creatividade e Innovación, promovidos pola Vicerreitoría do campus xunto co Consello Social da Universidade e que este xoves celebraron o acto de entrega dos galardóns da súa primeira edición. A titulada no máster en Dirección de Arte en Publicidade Anubis Muñoz e a egresada do Máster de Profesorado Doira Barrio alzáronse co primeiro premio deste certame por Corpos do posible, unha peza que aborda a diversidade de xénero, resultado dun proceso de traballo que buscaba combinar, explican “a educación en valores” e a “linguaxe visual propia do deseño e da comunicación”. Xunto a Barrio e Muñoz, o xurado destes galardóns acordou tamén recoñecer, co segundo e terceiro premio, respectivamente, as creacións O refuxio, de Nieves Guimeráns e Raquel F. Couto, e Detrás de, de Xela Neira e Lola Rodríguez.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, presidiron na sede de Vicerreitoría o acto de entrega destes premios, impulsados neste 2020 por primeira vez e ao que se presentaron unha decena de traballos. Como un “recoñecemento á creatividade e innovación” do alumnado definiu Soto uns galardón que buscaban trasladar tamén “a nosa idea de un campus aberto, con gañas de facer cousas orixinais e diferentes” a través dos proxectos de neste caso, seis estudantes, todas elas mulleres, de diferentes titulacións. O vicerreitor lembrou que estes premios son posibles grazas ao Consello Social, cuxo de presidente puxo de relevo como “a creatividade e a innovación estanse apoderando desta cidade”, dotando a Pontevedra dunha “marca sólida, sostible e efectiva”, grazas a un “campus líder e motriz e unha sociedade proactiva, aberta e en vangarda”. Ernesto Pedrosa destacou tamén que a innovación e a creatividade, xunto coas novas tecnoloxías, “conforman un tecido altamente vantaxoso para fortalecer o noso tecido económico”, nun acto que Carlos Souto definiu como “o primeiro paso” dunha iniciativa “que agardamos continúe no futuro con máis participación”.  

Combinando linguaxes para educar na diversidade

Graduadas ambas en Belas Artes, a traxectoria formativa de Barrio e Muñoz, gañadoras dun premio dotado con 1500 euros, avanzou desde entón, explican, por “direccións distintas”, que combinaron en Corpos do posible. Realizada "en pleno debate da Lei Trans”, como lembra Barrio, esta obra “fala do non binario, do xénero como unha construción social”. Trátase dunha fotomontaxe que presenta unha serie de cubos, que emulan “unha especie de xogo educativo para nenos”, á vez que busca “mostrar unha mensaxe actual de forma efectiva e intuitiva”, mediante a combinación “de linguaxes propias da escenografía, do deseño gráfico e da publicidade, utilizando imaxes fotográficas que son todo o contrario do que acostumamos a ver en publicidade, pero tratadas do mesmo xeito”, como sinala Muñoz.

“Trátase de educar ás persoas na diversidade, tanto física como de pensamento”,  engade esta egresada que viu nestes Premios Crea un “reto moi motivador”, no que “o máis complexo foi pór as ideas en común e decidir que era o que queríamos contar”, aínda que logo traballar conxuntamente “fose doado, xa que coñeciámonos de antes”, engade. Tituladas en Belas Artes, Barrio e Muñoz forman parte de feito das egresadas e egresados da facultade seleccionados para a exposición Do final e do comezo, que nestas semanas se exhibe no Pazo da Cultura e na que Barrio estreará este sábado unha performance que ideou como parte do seu traballo de fin de grao.

Arte e ecoloxía, nunha obra “para unha paisaxe cotiá”

Estudante de Belas Artes Raquel F. Couto desenvolveu xunto con Nieves Guimeráns, alumna da Escola de Enxeñaría Forestal O refuxio, unha obra na que empregaron materiais como pólas ou piñas e que presentan como “unha proposta de intervención para unha paisaxe cotiá”. Gañadora dun segundo premio de 1000 euros, trátase dunha obra xurdida, como salienta Fernández Couto, “da participación e intercambio de experiencias e coñecementos sobre os procesos artísticos e os ecosistemas”. Froito dun “proceso colaborativo e educativo”, é unha obra concibida para que sexa emprazada nunha contorna natural e contribuír así “á biodiversidade local e promover a formación de colonias de insectos”. Neste punto, Couto pon de relevo que “especies polinizadoras como abellas, xoaniñas, crisopas ou escaravellos, que levan a cabo unha tarefa silenciosa pero fundamental para a nosa terra, teñen cada vez un espazo máis reducido”. De aí que se trate, engade, dun traballo resultado “dun proceso colaborativo e educativo, baixo o binomio de arte e ecoloxía”, que resultou á súa vez “moi satisfactorio”. 

Un reto para o que buscaron “deixar unha pegada no espectador”

“Somos amigas desde hai anos e esta foi a escusa perfecta para facer algo xuntas e pasar un bo rato creando”, salientan a estudante de Comunicación Audiovisual Xela Neira e a alumna de Belas Artes Lola Rodríguez, gañadoras do terceiro premio por Detrás de. Como apunta Neira, estes Premios Crea constituíron “unha oportunidade de potenciar a nosa creatividade e facer algo que supuxera un reto”, para o que buscaron crear unha peza que “deixara unha pegada no espectador”. Trátase en concreto dunha obra con “dúas partes”, unha capa máis visible e outra “que só se deixa entrever” e que “simula a pel, como se a estivésemos arrincando para amosar o que verdadeiramente se atopa debaixo dela”.

Performance no Pazo da Cultura

Ademais de ser coautora da obra gañadora destes Premios Crea, Doira Barrio Paratcha será este sábado protagonista da primeira das actividades que complementan a exposición Do final e do comezo 2021, no Pazo da Cultura. Xunto ao actor Santi Prego, Barrio levará a cabo por primeira vez, este sábado, unha performance que ideou como parte do seu TFG El capital me sienta mal. Esta peza sen título, que poderá contemplarse ás 18.30 horas, preséntase como “unha crítica ás condicións laborais” e máis en concreto, á “alienación laboral”. Trátase, así mesmo, da primeira das actividades complementarias á exposición comisariada e coordinada polas profesoras María Covadonga Barreiro e Sonia Tourón, que terá continuidade o sábado 25 cunha nova performance, desta volta a cargo da egresada Sara Caamaño, é á que se suman así mesmo unha serie de visitas guiadas á mostra do alumnado da facultade ou as charlas entre egresados da facultade e participantes na mostra proxectadas para as próximas semanas.