DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta destaca o seu histórico ascenso á División de Honra

Os premios Deporte Galego recoñecen ao Universidade de Vigo Iveco como mellor equipo masculino

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 15/12/2011

Foron laureados, premiados, distinguidos e recibidos por múltiples autoridades. Son o primeiro conxunto galego en lograr o ascenso á División de Honra do rugby nacional e iso fainos merecedores de seren elixidos como mellor equipo masculino do ano nos Premios Deporte Galego 2011. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, fixo pública a lista dos galardoados nas 16 categorías, que recoñecen como mellor deportista masculino ao triatleta Javier Gómez Noya. Como mellor deportista feminina foi elixida a futbolista Verónica Boquete e como mellor equipo feminino o Ponte Ourense de fútbol sala.

O xurado recoñece ao Universidade Iveco o esforzo e sacrificio para acadar o histórico ascenso á División de Honra do rugby español, que acadaron no mes de febreiro deste 2011. O presidente do club, Ramón González Babé, amosou a súa satisfacción pero tamén a súa sorpresa por serlle outorgado o premio a un equipo dun dos considerados deportes minoritarios. “Para nós é un orgullo que un equipo de curta historia como o noso acade este recoñecemento, é reconfortante porque é o froito do traballo ben feito na procura dun proxecto sólido” explica Babé. Salienta tamén o presidente do club que a aposta da directiva é a longo prazo, potenciando as categorías inferiores e consolidando, pouco a pouco, este deporte en Galicia. De momento a resposta non se fixo esperar en forma de máis nenos e mozos interesados no rugby e no número de seareiros que acoden na fin de semana aos encontros no campus vigués.

Un soño cumprido

O equipo que adestran David Monreal e o ex all-black Norm Maxwell comezou o 2011 loitando por saír adiante, co único obxectivo de poder loitar pola permanencia, pero foron a máis e chegaron ao último partido de liga regular con opcións de loitar polo ascenso, “un soño”, como definiu no seu momento Ramón González-Babé, o seu presidente. Diante tiñan ao rival máis forte, ao CRC Madrid, o Canoe, que non coñeceu a derrota en toda a tempada, pero o soño fíxose realidade. Esa realidade agora, na máxima división nacional, tornouse máis complicada, a competencia é máis dura e o nivel de esixencia maior, pero os universitarios seguen adiante, mellorando partido a partido, nun comezo ligueiro que non lles está a ser moi favorable. Por iso, este recoñecemento como mellor equipo de Galicia lles vén como anel ao dedo, para animalos e recuperar a confianza nun combinado que ten como reto a permanencia. Ramón González Babé amósase convencido de que este premio está cargado de ánimos nun “ano complicado” na máxima división.

A curto prazo, a vista do equipo está posta nesta fin de semana, na que se enfrontan en Valladolid ao Quesos Entrepinares na Copa do Rei. Unha vez pasado o Nadal comezará a segunda volta da Liga, algo que están “desexando para cambiar o rumbo da tempada e poder encamiñarnos ao noso obxectivo, a permanencia”, apunta o presidente do Universidade Iveco.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 27 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol.