DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ademais de TFG e TFM, esta edición ábrese por primeira vez a teses de doutoramento

Os premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero cumpren unha década

O prazo de presentación de traballos remata o 29 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Académica
M. Del Río DUVI 17/07/2023

Os Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero cumpren dez anos e nesta edición tan especial presentan unha importante novidade: a inclusión das teses de doutoramento dentro do abano de traballos de investigación que se poden presentar. Esta ampliación das bases era un dos obxectivos recollidos no III Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo e, deste xeito, na nova convocatoria entregaranse distinción aos mellores traballos fin de grao, fin de mestrado e teses que inclúan a perspectiva de xénero e/ou feminista.

Impulsados pola Unidade de Igualdade da UVigo, estes galardóns teñen aberto o prazo de presentación de traballos ata o vindeiro 29 de setembro e poden participar todos os estudantes da Universidade de Vigo que teñan presentado o traballo fin de grao ou fin de mestrado no curso 2022/2023 cunha cualificación mínima de 9 ou que teñan defendido a tese de doutoramento no mesmo período obtendo a cualificación de “sobresaínte cum laude”.

En total convócanse tres premios para os TFG, que recoñecerán os mellores traballos das áreas das ciencias sociais e xurídicas; ciencias, ciencias da saúde e enxeñaría e arquitectura; e artes e humanidades. Cada unhas das persoas premiadas recibirá 500€. No que se refire aos TFM, tamén se outorgarán tres premios correspondentes aos mesmos eidos do coñecemento, pero desta volta cun premios 600€ para cada un. Na nova categorías que se inclúe este ano convócanse dous premios ás mellores teses sen distinguir por áreas de coñecemento. Cada un dos galardóns terá unha dotación de 1000 euros. En total, entre todas as distincións repartiranse 5300 euros.

A avaliación dos traballos correrá a cargo dunha comisión composta por Luis Xabier Martínez Rolán, profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade como presidente; Elena Alonso Prieto, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente e Teresa Caneda-Cabrera, profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.

A selección dos proxectos atenderá principalmente á calidade do traballo presentado (30 puntos), así como á relevancia da súa temática e metodoloxía (25 puntos). Tamén se terá en conta a aplicabilidade das achegas feitas polo estudo (15 puntos), o uso da linguaxe inclusiva (15 puntos), a referenciación bibliográfica e fontes (10 puntos) e o uso da lingua galega (5 puntos).

Premios da pasada edición

Na pasada edición destes galardóns entregáronse unicamente tres galardóns aos mellores TFG e tres aos mellores TFM con perspectiva de xénero, todos eles para alumas. No que se refire aos traballos fin de grao, o xurado decidiu premiar no eido das ciencias sociais e xurídicas a Lorena Reboredo Rivas pola súa investigación sobre a violencia vicaria e a instrumentalización de fillos e fillas para danar as nais. No eido das ciencias da saúde e rama enxeñaría e arquitectura o premio foi para un traballo titulado Retraso na reperfusión coronaria en pacientes con infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST: unha cuestión de xénero. No ámbito da artes e as humanidades concedéronse dous premios, un para Claudia Pineda Mesquida, por Mulleres errantes. Reescribindo a miña xenealoxía feminina a través do álbum de viaxe familiar, e outro para María Belén Álvarez Mosquera, por Comentario e proposta de tradución ao galego de La mujer de su casa e La educación de la mujer de Concepción Arenal.

No que atinxe aos traballos fin de mestrado, no eido das ciencias sociais e xurídicas, o premio Egeria foi para Rebeca López Villar, que presentou unha proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato, mentres que o ámbito das artes e as humanidades a galardoada foi Lidia López-Briñas Pérez-Vico, que se centrou na análise do uso da linguaxe non sexista nunha Resolución de Nacións Unidas e a súa tradución ao español.