DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A convocatoria abrirase unha vez remate o período de matrícula

Os premios de Excelencia Académica recoñecerán os mellores expedientes de novo ingreso

Co fin de poñer en valor o esforzo do alumnado de Bacharelato e FP que se matricule na Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 13/07/2011

A excelencia académica e investigadora que procura a Universidade de Vigo comeza xa no ensino medio e, para recoñecer xa ese talento na etapa pre-universitaria, a Universidade de Vigo convoca ano tras ano os Premios de Excelencia Académica. Na edición 2011 poderán optar a estes galardóns os mellores estudantes tanto do Bacharelato como de Formación Profesional que teñan cursado a súa matrícula para curso 2011-2012 na universidade viguesa en calquera dos seus graos. Deste xeito téntase poñer en valor o esforzo realizado polo alumnos de novo ingreso na institución no seu camiño cara a universidade e que lles serviu para obter uns resultados excelentes.

A convocatoria abrirase unha vez comece o curso e remate o período de matrícula, aproximadamente no mes de outubro, e os gañadores recibirán como premio á súa constancia e estudo, unha ferramenta informática que sexa de utilidade no desenvolvemento das tarefas de estudo actuais.

Requisitos da convocatoria

Para presentarse á convocatoria é preciso matricularse por primeira vez no curso académico 2011/2012 en calquera das titulacións oficiais de grao impartidas nos centros propios da Universidade de Vigo e ter finalizado os estudos de bacharelato ou ciclo formativo de grao superior no curso 2010/2011.

Así, poderán optar ao a este certame todos aqueles que obtivesen un premio de extraordinario de bacharelato da Xunta de Galicia no curso 2010-2011 e os que se clasificase no 1º, 2º ou 3º posto de calquera das fases autonómica, nacional ou internacional dalgunha das Olimpíadas Científicas celebradas ao longo do curso 2010/2011, sempre que estean recoñecidas polo Ministerio de Educación e Ciencia ou polas consellerías das comunidades autónomas que teñan competencias en educación, ou ben participe na súa organización algunha universidade. Tamén poden participar todos aqueles estudantes de novo ingreso que, sen estar nun dos dous apartados anteriores, acredite unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos na valoración do expediente académico no bacharelato, na convocatoria de xuño do curso 2010/2011, así como os que, sen estar nun dos apartados anteriores acredite unha puntuación igual ou superior a 9 puntos na valoración do expediente académico do ciclo formativo superior de formación profesional, na convocatoria de xuño do curso 2010/2011.