DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esther Lago e Henar Mariño, mellores expedientes no eido das ciencias e enxeñaría

Os Premios GirlGeekCovid distinguen a traxectoria académica de catro mozas STEM

Na Universidade de Vigo as mulleres representan só o 32% do alumnado destas titulacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/02/2023

Da 7615 persoas que estudan carreiras do eido científico e tecnolóxico na Universidade de Vigo, só o 32% son mulleres. En cambio, a cifra global de alumnas na institución é do 52%. Estes datos demostran que segue persistindo unha fenda xénero e uns estereotipos que inflúen á hora de elección dos estudos, que provocan que, por exemplo, nos estudos da rama de ciencias da saúde as mulleres sexan o 78% do total.

Para fomentar a presenza feminina neste tipo de carreiras, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra puxeron en marcha hai tres anos os Premios GirlGeekCovid. Esta iniciativa, que se insire no marco da Cátedra de Feminismos 4.0, busca poñer en valor os mellores expedientes femininos nas carreiras de ciencias e enxeñaría da UVigo, recoñecendo así o seu esforzo e visibilizándoas como referentes para futuras xeracións. Os galardóns da terceira edición entregáronse este xoves na sede viguesa da Deputación e recoñeceron a traxectoria académica de catro mozas: Esther Lago Sampedro e Henar Mariño Bodelón, galardoadas nos eidos das ciencias e da enxeñaría, respectivamente, xunto con Iliana Durán Alonso e Laura Núñez Álvarez, que recibiron cadanseu accésit. 

As premiadas recibiron as súas distincións, dotadas de 2000€  para cada primeiro premio e de 1000€ para os accésit, de mans do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da presidenta da Deputación, Carmela Silva, nun acto no que estivo tamén presente a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez. 

Reivindicar os seus éxitos e contribucións

Esther Lago Sampedro, estudante do Grao en Química da UVigo, foi a gañadora na categoría de Ciencias. Na súa intervención felicitou a todas as premiadas e tamén lembrou “a todas aquelas mulleres científicas que abriron o camiño para que nós hoxe poidamos estar aquí”. Aínda que non é o seu caso, referiuse ás mozas que viron truncado o seu soño de estudar ciencias por ser mulleres”. Premios coma este,  recalcaba, “son realmente importantes, porque grazas a eles estamos facendo que nenas no futuro poidan estudar esta ramas do coñecemento”, aínda que agarda que estes galardóns deixen de ser necesarios “de aquí nunhas décadas, cando muller, ciencia e excelencia sexan palabras que se escoiten de xeito habitual nunha mesma frase”. 

A outra gañadora dos GirlGeekCovid, desta volta na categoría de enxeñaría, foi Henar Mariño Bodelón, estudante do mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación. Agradeceu tanto á UVigo como á Deputación un premio que “recoñece o esforzo de todas” e que reivindica e visibiliza o “o traballo das mulleres no STEM”. Filla e irmá de enxeñeiras, Mariño Bodelón agradeceu aos seus pais que “dende pequenas non inculcaron os valores da igualdade, que son fundamentais”. 

Pola súa banda, Iliana Durán Alonso, accésit na rama de ciencias e alumna do Grao en Bioloxía, que non puido asistir ao acto, enviou un vídeo no que amosou o seu agradecemento por un premio que “recoñece o meu esforzo e dedicación como muller estudante da rama científica. Recibir este premio inspírame a seguir loitando polos meus soños e alentar a outras mulleres a facer o mesmo”. Ademais de agradecer o apoio de familiares e mentores, Durán animou a todos e todas a “seguir destruíndo barreiras e asegurarnos de que as mulleres teñan igualdade de oportunidades no eido científico”. 

Laura Núñez Álvarez, alumna do Mestrado Universitario en Enxeñaría Industrial e accésit na rama de enxeñaría, aproveitou tamén a súa intervención a través dun vídeo para agradecerlle aos seus achegados o seu apoio para estudar o que quixo nun “ámbito masculinizado” e á Universidade de Vigo e á Deputación de Pontevedra esta iniciativa que premia “o esforzo que facemos os estudantes”. Núñez resaltou que “é importante que a sociedade teña claro que as mulleres podemos ter éxito e somos totalmente necesarias en todos os ámbitos profesionais. Os estereotipos de xénero non deberían ser un impedimento á hora de elixir unha carreira profesional”. 

Catro mulleres que son unha “esperanza para todas nós” 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recalcou na súa intervención que “hoxe queremos poñer en valor a excelencia académica das mulleres na Universidade, das mulleres novas que apostaron por estudar titulacións STEM”. Silva tamén fixo fincapé en que as catro mozas, nas súas candidaturas a estes galardóns, coincidiron en sinalar a importancia que tiveron os referentes á hora de escoller carreira. Foron, na maioría dos casos, profesoras que durante a secundaria ou o bacharelato as inspiraron e as animaron a estudar aquelo que quixeron. Por isto, Silva reivindicou a importancia de seguir xerando referentes e de visibilizar aqueles que foron quedando esquecidos ao longo dunha historia contada dende un punto de vista masculino. “Os referentes son fundamentais para ter conciencia de que houbo outras antes ca nós en todos os eidos”, destacaba, “se non os temos, pesamos que ese é un campo que non é noso, e non podemos perder o talento do 50% do mundo”. 

Neste sentido, a presidente lembraba que en primaria, secundaria e bacharelato, as nenas teñen “extraordinarias notas en matemáticas, pero logo buscan outras carreiras, moitas veces porque lles faltan referentes ou porque nos educaron para pensar que o noso campo de acción está exclusivamente nos coidados”. Para mudar esta situación, considera necesario que as mulleres se acheguen ao 50% da matrícula nas titulacións STEM, que dan acceso a “profesións con alta demanda” e a campos de traballo “imprescindibles para o futuro e para o presente”. Remataba Silva lembrando “temos moito que avanzar, pero mozas coma vós fanme ser optimista, porque o camiño está cheo de dificultades, pero tamén de xente valente que o transita”.

Nesta mesma liña, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, tamén recalcou que “o  camiño da igualdade está mal empedrado, é sinuoso e ten costa, e as conquistas que se fan en cada xeración e en cada promoción logo hai que defendelas”. Ás premiadas animounas a mudar a sociedade e tamén recordou a importancia de que “entre todos e todas sexamos quen de explicar á xente que as titulacións STEM son fundamentais, o futuro estará rexido por titulacións deste tipo e, polo tanto, precisamos que nelas haxa un 51%, un 52% ou un 53% de mulleres”.

Ás mozas que decidan facer carreira como PDI da UVigo, Reigosa animounas a adherirse “á nosa medida estrela”, que permite que, tras dar a luz, as docentes se reincorporen ao traballo cun ano sen carga docente para dedicarse unicamente á investigación, e cun segundo ano cunha redución do 50% da carga lectiva. E é que, explicaba Reigosa, “tedes as mesmas capacidades e uns currículos igual de competitivos” pero a partir da maternidade, a fenda de xénero agrándase e cómpren “medidas positivas” das que “ogallá poidamos prescindir no futuro”. 

A fenda e os estereotipos de xénero persisten 

Aínda que a distribución do alumnado na Universidade de Vigo é case paritaria (48% de homes e 52% de mulleres), segundo os datos recollido no Observatorio de Igualdade de 2022, o xénero feminino ten maior presenza en tres das catro ramas do coñecemento: artes e humanidades (73%) ciencias da saúde (78%), e ciencias sociais e xurídicas (60%). Pola contra, a cuarta das ramas, a de enxeñaría e arquitectura, está fortemente masculinizada, cun 77% de alumnos. Este é un dato especialmente significativo se se ten en conta que as titulacións deste eido teñen un peso moi destacado respecto do total do alumando da UVigo, representando o 27,5% do estudantado. Atendendo ás titulacións STEM, que engloban tanto o eido da enxeñaría e a arquitectura como das ramas científicas, na UVigo hai 7615 estudantes, dos que só o 32% son mulleres. 

Con todo, nalgunhas titulacións semella que comeza a percibirse unha posible senda de cambio. Por exemplo, como destacaba a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, nos graos de Enxeñaría Aeroespacial e de Intelixencia Artificial, ambos do campus de Ourense, “nos cales que a distribución por xénero está preto de estar equilibrada e isto é algo que celebrar”.  

Esta panorámica da Universidade de Vigo coincide coa situación do sistema universitario español en xeral, no que a segregación horizontal afecta a todo o alumnado de grao por rama de coñecemento dun modo análogo ao que se constata na Universidade de Vigo. Por tanto, apréciase que a fenda de xénero entre ramas de coñecemento persiste, así tamén os típicos estereotipos de xénero, pois as mulleres mostran preferencia por carreiras relacionadas con tarefas administrativas, o coidado e temáticas sociais. En cambio, os homes inclínanse por elixir carreiras relacionadas coa tecnoloxía e coa ciencia. 

Os premios mudarán de nome para deixar atrás a covid

Nacidos en plena pandemia, os premios levan a covid ata no seu nome. Agora, pasados xa tres anos do inicio da crise sanitaria, dende a Cátedra Feminismos 4.0 consideran que chegou o momento de deixar atrás esta etapa e para facelo efectivo, na próxima edición os galardóns cambiarán de nome, eliminado o termo ‘covid’ para pasar denominarse GirlGeekPower, como adiantou neste acto a presidenta da Deputación.