DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns foron entregados este martes no campus

Os Premios José Manuel Pérez Canal 2023 distinguen cinco traballos fin de grao da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Entre os temas abordados están Ourense como destino sostible e a saúde mental e recursos humanos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 21/11/2023

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este martes o acto de entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2023 aos mellores traballos fin de grao en Turismo e Administración e Dirección de Empresas do seu alumnado. Nesta edición foron cinco as propostas galardoadas, acadando o primeiro premio traballos sobre o Concello de Ourense como destino turístico termal ambientalmente sostible e sobre saúde mental, benestar funcional e xestión de recursos humanos.

O acto contou coa participación de María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Marta Nóvoa, vicepresidenta da Deputación Provincial de Ourense; Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, e Pilar García, responsable do Departamento de Recursos Humanos do Grupo Hotusa. A el asistiron ademais familiares de José Manuel Pérez Canal, falecido presidente da Confederación Empresarial de Ourense que dá nome a estes galardóns.

Traballos galardoados

O primeiro premio do Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2023 do Grao en Turismo foi para o traballo titulado Análise do Concello de Ourense como destino turístico termal ambientalmente sostible, realizado pola alumna (agora xa egresadas como o resto de alumnado galardoado) Marta Vila, baixo a dirección da profesora Mª Montserrat Cruz. O obxectivo deste estudo, recóllese nel, “é servir de base para mellorar a cidade como destino turístico sostible” propondo “un sistema de indicadores de sostibilidade ambiental para este destino en base ás recomendacións e propostas de organización mundiais vinculadas ao turismo e á sostibilidade”. Ademais, outorgouse nesta categoría un accésit ao traballo O sendeirismo sostible é posible: o Camiño do Monxe como exemplo na Ribeira Sacra, realizado por Laura Vázquez, baixo a dirección da profesora Mª Xosé Vázquez.

No caso do Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE), o primeiro premio José Manuel Pérez Canal 2023 foi para o TFG titulado Saúde mental, benestar funcional e xestión de recursos humanos, realizado polo alumno Edgar Currás baixo a dirección da profesora Isabel Diéguez. A análise realizada, sinálase no traballo fin de grao, “mostra o compromiso das empresas coa xestión das persoas pero a escasa relevancia da xestión emocional e mental nas empresas”. Así, no estudo galardoado deséñase “un protocolo ou plan de actuación que poden seguir as empresas co obxectivo de eliminar ou minimizar o impacto dos factores de risco para a saúde mental e/ou benestar emocional dos traballadores”. Tamén se outorgaron dous accésit nesta categoría. Un ao TFG Os informes de auditoría de contas anuais das universidades públicas españolas (feito pola alumna Lucía González baixo a dirección da profesora Mercedes Mareque) e outro ao traballo A intelixencia artificial como apoio á innovación tecnolóxica das organizacións (realizado por Rocío Mosquera baixo a dirección do profesor Diego Rodríguez-Toubes).

Previamente á entrega de galardóns o acto contou cunha conferencia de Beatriz Alcalá, enxeñeira industrial e responsable do negocio de hostalaría La Zapatería del Abuelo, titulada Por un modelo hostaleiro pioneiro en Ourense: a táctica e estratexia a seguir para un turismo sostible e de calidade.