DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marisol Gándara e Xandra Táboas recollerán o galardón coincidindo coa celebración do Día das Letras

Os premios de poesía e relato curto 2012 teñen nome de muller

Nesta edición o xurado declarou deserto o premio de Tradución Literaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/05/2012
Os premios de poesía e relato curto teñen este ano nome de muller. Marisol Gándara, na categoría de poesía, e Xandra Táboas, na de Relato Curto son as gañadoras dunha edición na que o xurado declarou deserto o premio de Tradución Literaria. Creados para fomentar e recoñecer o talento literario en lingua galega, desde a Área de Normalización Lingüística valoraron moi positivamente a participación acadada no certamen, nunha edición na que se presentaron un total de 34 traballos: 13 obras de poesía, 10 de relato curto e 11 de tradución.

“Son filla dun albanel e para min gañar este premio é un pequeno ladrillo máis, un pulo que me dá folgos para seguir adíante por este camiño”, subliñou Marisol Gándara, licenciada en Filoloxía Inglesa e estudante do Mestrado en Tradución e Paratrución “ao tempo que estudante de Xornalismo, xa que, coma moitas outras persoas, penso que é importante aproveitar este intre no que é tan complicado atopar un traballo para ir facendo outras cousas”. Apaixonada do mundo “das letras”, especialmente da poesía, no seu haber conta xa co recoñecemento de varios certames literarios .Nesta ocasión o premio chegoulle co poemario A cor dura da pel “un texto moi persoal no que emprego os xogos de palabras”, subliña, ao tempo que explica a importancia de buscar xogos cheos de contido que vaian máis alá do puramente estético “a cor dura, a procura da sensatez”, subliña.

Fronte á experiencia en certames literarios desta nova poeta, para Xandra Táboas, estudante de quinto curso de Filoloxía Galega, esta é a primeira vez que gaña un premio literario, “grazas ao meu relato Navy Bar, un relato curto no que conto moitas cousas”, comenta Táboas xogando tamén coas palabras. “É un relato da loita pola supervivencia, escrito desde unha actitude positiva que anima a seguir loitando”, explica a autora, ao que engade “reflicte as dificultades económicas que estamos a vivir, sobre todo, desde os ollos dos mariñeiros, un sector especialmente castigado".

Concerto de Sés

A entrega de premios terá lugar o vindeiro mércores 16 de maio con motivo do acto de celebración do Día das Letras Galegas. Será ás 12.30 horas na sala 1 do Edificio Miralles e alí reuniranse, ademais dos gañadores, que recibirán 700 euros cada un deles, os dous participantes de cada categoría que obtiveron accésit e que recibirán, respectivamente, 250 euros. En poesía os dous accésit foron para o filólogo Xabier Xil Xardón polos poemarios Volvería ao frío e Vou falar da ruína. Ademais, nesta categoría o xurado decidiu recomendar a publicación de poemas de Aitor Toro Martínez e de Alba Domínguez Blanco.

En relato curto, o 1º accésit foi para o alumno da Aula de Maiores Pedro Xoaquín Peón, polo relato Desculpe Señor Darwin, e o segundo para María Lago González por Tetraloxía do inexplicable, parte dúas: Booth Museum. En Tradución Literaria, onde o primeiro premio quedou deserto, Guillermo Rosales gañou o 1º accésit pola tradución dun texto do escritor británico Mark Gatiss, e Martina Corral o 2º pola tradución dun texto de Chimo.

Homenaxe ás Letras Galegas, este acto de entrega de premios incluirá tamén a actuación da que está chamada a ser a nova voz da música tradicional galega, Ses. Será o broche final a programación cultural deste curso.