DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves entregáronse os galardóns do 16º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

Os premios son para... un drone antiincendios, unha aplicación de monitorización cardíaca e un portal para viñedos

O certame distingue aos mellores traballos fin de estudos de Galicia e Portugal

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 15/12/2016

Un drone para a medida da temperatura no perímetro de zonas afectadas por incendios forestais, unha aplicación para a monitorización cardíaca ante estímulos multimedia e un portal para a xestión de viñedos. Estes son os tres traballos fin de grao que este xoves se proclamaron gañadores do 16º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, unha iniciativa de Expourense e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense que ten como obxectivo premiar os mellores traballos fin de estudos presentados por alumnado do eido tecnolóxico tanto de Galicia como de Portugal, facendo especial fincapé na transferencia dos resultados ao tecido produtivo. Os tres galardoados son egresados da Universidade de Vigo, concretamente dos graos de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e de Enxeñaría Informática.

A entrega de premios realizouse este xoves na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense nun acto que contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, director deste centro; Jorge Pumar, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, e Cristina Álvarez, directora de Administración de Expourense. “Os proxectos gañadores son proxectos punteiros, moi acabados, que exceden o habitual nun traballo fin de grao”, destacou sobre os galardoados Francisco Javier Rodríguez, que fixo fincapé en que o certame cumpre a súa 16 edición traballando a prol da divulgación e transferencia de coñecementos. Pola súa banda, Jorge Pumar salientou o compromiso da Deputación de Ourense con este certame, do que é patrocinadora, e recalcou o desexo da institución de “apostar por darlle máis pulo e dinamizalo”.

Uso de drones para o control do perímetro de zonas incendiadas

O primeiro premio, dotado con 300 euros, foi para o traballo fin de grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación de Alberto Novoa de definición e construción dun RPAS, máis coñecido como drone, para a medida da temperatura no perímetro de zonas afectadas por incendios forestais e a avaliación da súa utilidade para a prevención de posibles reproducións. O seu proxecto, salientou o galardoado, quixo dar resposta desde o eido tecnolóxico a unha necesidade que xorde despois de cada incendio forestal, como é revisar o seu perímetro para asegurar que quedou o suficientemente frío como para que non se produzan reproducións nos seguintes días. Esta tarefa, explicou no seu traballo, supón unha perda de tempo cando as brigadas ou axentes en épocas de incendios numerosos e de grandes dimensións, como no verán, teñen que actuar en numerosos frontes. Segundo recolle o traballo, co sistema deseñado por Alberto Novoa nun escenario de por exemplo dez hectáreas o drone faría o percorrido do perímetro en 9 minutos e 40 segundos cun custe de 2,95 euros mentres unha persoa polo método tradicional o faría en 70 minutos e cun custe de 43 euros.

Monitorización cardíaca ante estímulos multimedia

O segundo premio, dotado con 150 euros, foi para Javier Villalobos polo seu traballo fin de grao en Enxeñaría Informática Herba. Trátase, explicou, dunha “aplicación Android de monitorización cardíaca de persoas ante estímulos multimedia, como imaxes ou vídeos, ou mentres están realizando algunha acción ou estado”. Segundo recolle o traballo, Herba é “unha aplicación sinxela, intuitiva e modular que favorece a mobilidade e permite exportar os datos obtidos”. A súa vantaxe con respecto a outras aplicacións similares é que, apuntou Villalobos, “ademais de obter información cardíaca ten en conta outro tipo de estímulos que xa proporciona a propia aplicación”. A idea de facer esta ferramenta, indicou o egresado, xurdiu ante o desenvolvemento e popularización que están tendo aplicacións deste tipo e no marco do traballo que no eido da tecnoloxía de monitorización está a realizar o MILE Group (Medical Informatics and Learning Environments) da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

Un portal para a xestión de viñedos

Por último, Alba Nogueira recibiu o Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente, dotado con 400 euros, polo seu traballo fin de grao Portal de xestión de viñedos. Nel desenvolve un sistema para rexistrar as actividades dunha explotación vitícola, consultar datos meteorolóxicos próximos ao viñedo e xestionar a vendima e as ofertas de traballo vinculadas a el, entre outras cuestións . “A idea foi crear un portal onde se poidan rexistrar todas as actividades que se poden facer nun viñedo”, explicou a tamén egresada da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Nel recádase información que permite aos usuarios sacar modelos predictivos e actuar en consecuencia, tendo especialmente en conta a incerteza que provoca na viticultura variables como as condicións climáticas. A idea de facer este proxecto naceu das súas propias necesidades como viticultora, xa que ten un viñedo na zona de Quiroga. “Tiña un problema e busqueille solución, unha solución que a min estame sendo moi útil”, afirmou a galardoada. A finais de ano conta con ter rematado o portal para que outras persoas coas súas mesmas necesidades o poidan empregar.