DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres remata o curso Deporte, empresa e sociedade

Os presidentes do COB, Academia Postal e CD Ourense dan as claves para promocionar a cidade a través do deporte

Durante tres días achéganse ao campus 16 poñentes de máximo nivel académico e profesional

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/10/2010
“Un equipo de luxo por cantidade, calidade e variedade”, así describe o profesor Patricio Sánchez, o programa do curso Deporte, empresa e sociedade, que se está a desenvolver na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e que durante tres días achega ao campus 16 poñentes de máximo nivel académico e profesional no mundo do deporte.

O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, foi o encargado de impartir este mércores a conferencia inaugural cun relatorio sobre a dimensión económica do deporte. Foi a primeira intervención dunha xornada na que se contou tamén coa participación de Juan José García Cota, médico do Celta e da selección española de fútbol que abarrotou de público a aula magna do centro cun relatorio sobre a preparación de deportistas de elite para as grandes competicións, expondo o caso do Mundial de Fútbol.

Baloncesto, atletismo, fútbol e rally de Ourense

Coa participación de poñentes “de máximo nivel académico e profesional no mundo do deporte”, tal como subliña Sánchez, “procedentes das máis relevantes universidades e institucións europeas” o curso dá tamén un forte protagonismo ao deporte local. Bo exemplo é o programa de hoxe xoves, “onde os clubes máis representativos de Ourense tiveron a oportunidade de expor as súas ideas de como se promociona a cidade dende o deporte”, expuxo Sánchez, en relación á celebración dunha mesa redonda cos presidentes dos clubs de baloncesto, atletismo e fútbol, así como, tamén desde o ámbito local, dos organizadores do Rally de Ourense.

Baixo o título Como ser un bo líder-empresario? esta tarde terá lugar tamén a intervención de Leonor Gallardo que exporá as claves do caso Guardiola.

Mikel Urdangarín clausura o curso

Se o xoves rematamos co Rally de Ourense, tamén este venres o profesor Ángel Barajas analizará polo miúdo o impacto económico desta actividade na economía da cidade. Será a primeira intervención dun día no que tamén se contará coa participación do profesor Sean Hamil da Universidade de Birkbeck no Reino Unido que comparará os modelos de organización deportiva da FIFA e da UEFA.

A conferencia de clausura correrá a cargo do presidente da European Association for Sport Management, EASM, Mikel Urdagarín, que afondará no legado e sostibilidade dos eventos deportivos.