DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas sobre experiencias publicitarias exitosas 'Fálame do teu' comezan o día 8

Os principais anunciantes e axencias de Galicia “falan do seu”

Desenvolveranse na Casa das Campás todos os luns do mes de novembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
M. Del Río DUVI 03/11/2010
Do seu, da relación que os une como anunciantes e axencias de publicidade e das súas campañas máis exitosas disertarán algunhas das empresas máis representativas e os creativos cos que traballan nas xornadas Fálame do teu. A segunda edición desta iniciativa, inserida na programación de outono do campus de Pontevedra, presentará todos os luns do mes de novembro as experiencias publicitarias máis relevantes que veñen poñendo en marcha en Galicia nos últimos anos. O seu coordinador, o profesor Chechu Pérez, explica que se trata dun “ciclo de conferencias no que poñer en valor as mellores iniciativas creativas desenvoltas en Galicia, facendo fincapé na relación entre anunciante e axencia”.

Así, nas tardes dos luns deste mes pasarán por estas xornadas representantes de entidades anunciantes como Caixanova, R, Gadisa, o concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, as bodegas Terras Gauda ou Hijos de Rivera.
Xunto con eles estarán os responsables de algunhas das súas campañas como La ballena que va llena, que traballa con Caixanova, BAP Conde, con Gadisa, Quattro IDCP con R ou Imaxe con Hijos de Rivera.

Catro xornadas para falar do seu

Se na pasada edición as xornadas se centraron na publicidade a nivel nacional e trouxeron a Pontevedra a algúns dos profesionais máis representativos do panorama publicitario español, desta volta Fálame do teu centrarase en Galicia. A finalidade é achegar aos estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ao seu futuro campo de traballo e que poidan coñecer o “portfolio das axencias máis representativas da contorna”, explica Seoane.

As xornadas arrancan o vindeiro luns ás 18.00 horas coa presenza de Ana Rumbao e Sole Arenaza, de La ballena que va llena e María del Río, de Caixanova, que tomarán parte dunha mesa redonda moderada polo profesor Chechu Pérez na que explicarán aos asistentes dende as dúas perspectivas, de anunciante e de publicista, as campañas desenvoltas como Será más fácil, da tarxeta NX, Hasta tu nómina te lo está pidiendo da cuenta nómina ou o Depósito Elvis. Ás 19.00 horas a cita será con Miguel Conde, de BAP Conde e Antonio Cortés de Gadisa, coa profesora Montse Vázquez como moderadora, un relatorio que xirará arredor de campañas como Vivamos como galegos! que lles reportou varios premios como o AMPE de prata, converténdose na primeira axencia galega en recibir este galardón e unha de las primeiras en lingua non castelá, así como un Premio Maestro Mateo de produción audiovisual.

Para a seguinte sesión, o 15 deste mes, Fálame do teu contará coa presenza de Vanesa Chousa, de Trisquelia, Cristina Varela, de Dominio Público e Ismael Calvo de Ovo Publicidade, xunto con Antón Prieto, do Concello de Pontevedra, moderados pola profesora e concelleira Lola Dopico. Ás 19.00 horas a cita será con Jaime Conde, de Quattro IDCP e Román Romeral, de R, un relatorio moderado polo profesor Alberto Dafonte.

As xornadas son de balde e de libre acceso, non sendo precisa inscrición ou matrícula.