DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este mércores o 11º ForumEmprego Universitario

Os principais candidatos á mobilidade laboral toman nota das súas opcións en Europa

As bolsas Erasmus Prácticas e Leonardo centraron o interese dos aínda estudantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 16/05/2012
Os estudantes universitarios, polo seu perfil e pola crise económica actual, son os principais candidatos á mobilidade laboral. Cando ao rematar a titulación as opcións de atopar un emprego son moi poucas ou non as desexadas, a posibilidade de continuar formándose ou traballar no estranxeiro collen forza. Para coñecer as oportunidades que teñen no ámbito europeo, arredor de 80 alumnos se deron cita este mércores no campus de Ourense no 11º ForumEmprego Universitario, unha iniciativa que cada ano achega aos universitarios as ferramentas, programas e iniciativas que se ofrecen na procura de formación e emprego en Europa.

“Tal e como están as cousas aquí hai que buscar unha saída fóra de España. É o momento de facelo”, apuntaba antes de entrar na xornada o estudante de Psicopedagoxía Daniel Rodríguez, que xa gozou dunha bolsa Séneca de mobilidade. Con el estaban Sandra Vega e María Rodríguez, dúas estudantes tamén da Facultade de Ciencias da Educación que xa teñen experiencia en mobilidade europea despois de estar un curso cunha bolsa Erasmus en Italia. “A experiencia foi moi enriquecedora, porque aprendemos outro idioma e porque vimos as cousas desde outro punto de vista”, salientou Sandra Vega. De regreso á Universidade de Vigo e con esta boa experiencia, as dúas alumnas pensan agora xa na posibilidade de buscar unha bolsa de prácticas preprofesionais europeas, un dos motivos polos que achegaron a estas xornadas.

Coa mesma idea na mente aínda que con circunstancias persoais diferentes estaban Lara Castro e Martina Ares, tamén alumnas de Ciencias da Educación. En primeiro curso, Lara Castro achegouse ás conferencias pola curiosidade de ir barallando posibilidades de cara a obter unha bolsa Erasmus e ampliar a formación no estranxeiro en vinderios cursos. Pola súa banda, Martina Ares, alumna de mestrado, centraba o seu interese en obter unha bolsa Erasmus Prácticas, unha Leonardo ou directamente facer prácticas en empresas ou institucións foráneas. “Sería unha experiencia nova, un idioma novo e unha oportunidade para aprender doutras formas de vivir e no meu caso de ensinar. Que máis se pode pedir?”, apuntou a estudante.

Experiencia valorada polas empresas

O enfoque de todos estes universitarios sobre os beneficios da aprendizaxe e/ou a práctica profesional no estranxeiro non vai desencamiñada, tal e como lles explicou a primeira conferenciante da xornada, Henar Quintas, de xestión das prácticas Erasmus na Universidade de Vigo. “As empresas cada vez valoran máis no curriculum ter realizado este tipo de estadías fóra, pois amosan a capacidade dunha persoa para adaptarse a novos contextos tanto culturais como laborais”, apuntou. Para axudalos nesta tarefa de atoparprácticas preprofesionais Quintas foi a encargada de presentarlles en detalle as bolsas Erasmus Prácticas, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de maio.

“O alumnado universitario é o primeiro candidato á mobilidade e polo tanto debe coñecer moi ben os recursos e instrumentos que ten á súa disposición ou que ten que desenvolver para participar dela”, engadiu Emilia Seoane, conselleira EURES da Universidade de Vigo. Entre estas ferramentas, Seoane salientou a utilidade do currículo europeo, Europass, ao que se dedica parte das sesións deste ForumEmprego. Este currículo, explicoulles Seoane, permítelle aos estudantes amosar aos empregadores a súa formación pero tamén as súas capacidades e habilidades e facelo de xeito comparativo con calquera outra persoa do ámbito europeo. “Para saír a buscar traballo fóra, e incluso para presentarse ante empresas europeas que se instalen en España, o Europass, cada vez máis implantado, é moi útil”.

Alén deste currículo e das bolsas Erasmus Prácticas, o 11º ForumEmprego Universitario achegou aos estudantes asistentes a temas como a mobilidade profesional e laboral con EURES (EURopean Employment Services), o servizo europeo público de emprego; as prácticas e saídas laborais na Unión Europea e en organizacións internacionais, os recursos da Universidade de Vigo para a mobilidade do alumnado e de egresados universitarios e as saídas no mercado laboral luso.