DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reunidos nos paneis que desde este xoves se exhiben en Ciencias Sociais e da Comunicación

Os produtos innovadores ideados polo alumnado abren a programación de 'Culturkata 2022'

Continuará cunha serie de coloquios con profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/04/2022

Coincidindo coa conmemoración, este xoves 21, do Día Mundial da Creatividade e a Innovación, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación abriu a programación de Culturkata 2022, un programa de actividades que nos próximos días achegará ao centro a profesionais como a conselleira delegada de Leite Río, Carmen Lence. Promovido co obxectivo de recuperar, tras a pandemia, a idea dunha “semana cultural” nas xornadas previas ao día da súa patroa, Santa Catarina de Siena, Culturkata arrancou coa inauguración dunha exposición dirixida a pór en valor a creatividade do seu alumnado. Baixo o título de Talento creativo e innovador, a mostra que pode contemplarse na planta baixa do centro reúne nunha serie de paneis os 19 produtos innovadores que preto de 90 alumnos e alumnas do grao en Publicidade e Relacións Públicas idearon como traballos para a materia Seminario de innovación, que imparte o profesor Pedro Figueroa.

Como explicou na súa presentación, trátase dunha mostra que exhibe “a capacidade creativa” do alumnado da facultade, xa que é o resultado dun proceso de traballo no que a partir dunha tormenta de ideas, este grupo de alumnos e alumnas de primeiro curso foi quen de xerar, "en 20 minutos, 1200 ideas de produto”. 19 delas foron posteriormente desenvolvidas polos diferentes grupos participantes, nunha actividade que foi presentada como “un exemplo dun proceso real de innovación” e na que tiveron que facer fronte ao filtrado de ideas e o posterior desenvolvemento dos produtos que escolleron, así como dos seus plan de márketing e comunicación e relacións públicas.

Por último, este xoves completouse o proceso coa exposición pública das súas ideas de produto, que debían resumir nos paneis que integran esta mostra, así como defendelas diante dos seus compañeiros e compañeiras. Así, esta actividade permite coñecer propostas como as dun test para detección de drogas en bebidas, un neopreno con grosor adaptativo, unha aplicación que programa música en función do estado de ánimo, unha pantalla intelixente que escanea a roupa e elixe as mellores combinacións, un semáforo intelixente ou uns lentes tecnolóxicos. Trátase, como explicou Figeroa, dos resultados dun proceso de traballo “no que baseámonos en pensar en cousas próximas ou cotiás que botabamos en falta” e das que saíron esta serie de “ideas de produto que teñen o valor de que buscan solucionar problemas existentes”. 

O arranque a unha semana de actividades

“Hoxe celebramos a inauguración da exposición, pero tamén da semana cultural”, salientou a decana, Emma Torres, na presentación do primeiro dos actos inseridos nunha programación que busca achegar o alumnado “a realidade que vos ides atopar cando saiades da facultade”. Nese senso, tras recoñecer o positivo de poder recuperar este tipo de actividades despois de dous anos marcados pola pandemia, Torres lembrou ao alumnado que “a universidade non é só ir a clase”, convidándoos a aproveitar as oportunidades que supoñen iniciativas como esta, que lles achegarán as visións “de profesionais realmente espectaculares”.

Programados para a 12.00 horas e abertos ao público, entre o luns 25 e o xoves 28 sucederanse na planta baixa da facultade unha serie de coloquios que abrirán o luns a consultora estratéxica e egresada da facultade Yolanda Vázquez cunha conferencia sobre design thinking. Ao día seguinte, o centro acollerá a conferencia Como empregar o storytelling na empresa familiar: o caso de Leite Río, a cargo de Carmen Lence. Promovida pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, esta actividade achegará á facultade “unha das mulleres con maior traxectoria no ámbito da comunicación no noso país”, como lembrou Torres.

O mércores 28, terá lugar un coloquio sobre divulgación científica, conducido pola pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, no que intervirán as egresadas Noel Queipo e Carmen Rey, xestoras de comunicación no Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas e no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), respectivamente. Por último, a programación pecharase o xoves 28 da man doutra ex-alumna, a titulada en Publicidade e RRPP Lara López, que falará, nunha conversa presentada polo profesor Xosé Baamonde, do labor da asociación Publicitarios Implicados, que desde hai 15 anos realiza de maneira altruísta campañas para ONG, plataformas de afectados por enfermidades raras ou asociacións solidarias.