DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de Enxeñaría de Organización súmase á celebración do Día Emprendedor de Galicia

Os profesionais da Loxística demostran que emprender vai máis alá de crear novas iniciativas empresariais

Máis de 200 profesionais e estudantes asistiron en Santiago ao XII Seminario de Loxística

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 28/05/2013

Emprender vai moito máis alá de pór en marcha novas iniciativas empresariais. Emprender significa innovar e supón tamén a busca dunha mellora constante daquilo que cada empresa fai. Estas son só algunhas das ideas que se transmitiron este martes no XXII Seminario de Loxística, unha actividade organizada polo Grupo de Enxeñaría de Organización, GIO, da Escola de Enxeñaría Industrial; o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, e a Fundación Empresa Universidade Galega, Feuga, ao abeiro do Día do Emprendedor de Galicia, que se celebrou este martes no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela e ao que asistiu o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que aproveitou esta cita para anunciar que os incentivos fiscais da Lei do emprendemento se aplicarán en Galicia con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro deste 2013.

“En Loxística tamén hai que emprender e, por suposto, aprender”, subliñou o catedrático José Carlos Prado, director de GIO, que afondou na necesidade de “tentar sempre investigar novos métodos, novas técnicas... pois só así se poden facer cousas distintas”, recalcou ao tempo que valorou positivamente o feito de que o seminario se celebre ao abeiro dun encontro ao que están a asistir máis de mil emprendedores, empresarios, estudantes e especialistas.

Punto de encontro para os profesionais da Loxística

O Seminario de Loxística serviu de punto de encontro para todos aqueles profesionais relacionados coa área loxística e nel presentáronse as últimas tendencias, ao tempo que se ofreceron varias experiencias prácticas sobre a súa implantación.

Con máis de 200 asistentes de toda Galicia, a xornada contou coa participación de prestixiosos profesionais do eido da loxística. O director de Loxística do Grupo Gadisa, Adolfo Díaz, afondou no importante papel que debe xogar o “emprendemento, no senso máis global da palabra” en calquera empresa, entendendo este como a necesidade de mellorar constantemente. Dende Blu:sens, o seu director xeral, Juan Carlos Vez, que afondou nos aspectos específicos da loxística internacional; e Antonio Rubido e Débora Lourido, de Lonza Biologics Porriño, que expuxeron con detalle como se busca a “excelencia operacional” nunha planta de biotecnoloxía.

E… “van xa 22 edicións”

O Seminario de Loxística organizouse por primeira vez no ano 1990 e, dende entón, serviu como punto de encontro de xerentes de empresas, tanto industriais como de servizos; directivos e profesionais das áreas de materiais, loxística, produción, distribución física…; alumnos de Organización Industrial… “e, en xeral, calquera persoa interesada na área da loxística”, subliña o profesor Carlos Prado.

“Van xa 22 edicións”, recalca Prado, e nelas compartiron as súas experiencias directivos e profesionais de múltiples empresas: Roberto Verino, PSA Peugeot Citröen, Leroy Merlin, Pili Carrera, Accenture, Chupa Chups, Seur, Grupo Coren, Denso Sistemas Térmicos de España… Ademais, desde GIO destacan tamén a participación de numerosos poñentes relacionados co ámbito da docencia e da investigación, non só da Universidade de Vigo, “senón tamén da Carlos III e da Politécnica de Madrid e da Universidade de Sevilla, entre outras”, subliñaron.

Máis de 200 convenios con empresas e institucións

Con sede na Escola de Enxeñaría Industrial, o Grupo de Enxeñaría de Organización, GIO, está formado por un equipo de cinco profesores e investigadores, todos eles enxeñeiros industriais, pertencentes ao Departamento de Organización de Empresas e Marketing, que desenvolven actividades de docencia, investigación e colaboración con empresas e institucións.

Con máis de 200 convenios de colaboración asinados, este grupo ten posto en marcha traballos de I+D para empresas de todo tipo de sectores, dende a automoción ata o textil, pasando pola alimentación, as telecomunicacións, a madeira e o metal, entre outros. Esta estreita colaboración co sector privado, súmase á investigación universitaria, ao seu xuízo, un tándem inseparable, “xa que o que percibes na realidade, o que aprendes coas empresas debe transmitirse ao alumnado nas clases e tamén nos resultados da investigación que se publican”, recalcou Prado.