DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“20 anos de Cinegalicia” aborda a evolución do audiovisual nas últimas dúas décadas

Os profesionais sinalan a falta de distribución como principal eiva do audiovisual galego

Miguel Anxo Fernández, coordinador das xornadas, impartiu a conferencia inaugural

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 01/12/2009

Está mellor agora o cinema en Galicia que hai vinte anos? Esa é a pregunta clave dos coloquios das xornadas 20 anos de Cinegalicia, que durante hoxe e mañá lembran na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o momento de bonanza que supuxo a estrea simultánea de Sempre Xonxa, Continental, e Urxa en 1989. Miguel Anxo Fernández, historiador e crítico, coordinador das xornadas xunto co profesor Fortunato Rodríguez, ten unha opinión clara: “hai máis creadores, hai máis producións, hai talento, pero falta visibilidade”. Na conferencia inaugural, Cinegalicia, a posta en valor da filmografía galega, Fernández sinalou como problema fundamental do cinema galego a ausencia dunha garantía de distribución, algo que si acadaran naquel momento as tres longametraxes pioneiras da cinematografía galega.
Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, e Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra, foron os encargados de inaugurar as xornadas. Durán resaltou a importancia simbólica de celebrar aquela data, que supuxo “o cerne da cinematografía galega”, e tamén de que “os primeiros receptores destas xornadas sexan o alumnado, os que tomarán o relevo na creación de futuros produtos audiovisuais”. Pola súa parte, o vicerreitor destacou a pertinencia desta conmemoración, porque considera necesario “recuperar a memoria para saber quen somos, onde nos situamos e dalgún xeito comezar a elaborar un presente para ser fortes no futuro”.

O nacemento do cinema galego

Miguel Anxo Fernández , aludiu a aquela emblemática mostra Cinegalicia que tivo lugar en Vigo, como o segundo nacemento do cine galego, pois o primeiro teríase producido nos anos setenta, no seo das xornadas de cine de Ourense, coa aparición das primeiras curtametraxes: Fendetestas, O pai de Migueliño, O Cadaleito... A diferenza está en que aquelas pezas non estaban pensadas para a pantalla grande, o que si ocorreu con Urxa, Sempre Xonxa e Continental. Fernández lembra que os tres filmes se presentaron en Cinegalicia con distribuidora garantida, pasando deseguido ás pantallas de toda España e acadando cifras que mesmo hoxe son impensables para moitas obras.
Ademais, as tres cintas pioneiras estableceron un modelo de cinematorgrafía, con tres tipos de produción diferentes. A de Chano Piñeiro constituíu “un proxecto persoal, en clave integramente galega”. A de Xavier Villaverte foi “unha produción máis canónica, filmada en Madrid e cunha distribuidora multinacional, aínda que con guión galego”. E a de Alfredo García Pinal e Carlos A.L. Piñeiro encadraríase no “cinema indie e modesto”. O tres tipos seguen vixentes hoxe segundo Fernández, que pon de exemplo A noite que deixou de chover e a A Casa da Luz como modelo Urxa e Celda 211 como modelo Continental.

Cinema competitivo no mercado global

A principal diferenza do cinema galego hoxe con respecto de aquel momento é que non ten garantida a distribución. Neste sentido Fernández culpa aos produtores, “porque no seu deseño de proxecto non inclúen a partida de promoción e difusión”. O coordinador das xornadas salienta que, mentres no cine norteamericano, nun filme de 50 millóns de dólares, se gasta en promoción 100 millóns de dólares, é dicir, o dobre do custe de produción, no cinema galego ese gasto é imperceptible, algo que é tamén común ao cinema español e de segundos e terceiros países, pois fronte ao xigante norteamericano os exhibidores téñeno claro: “prefiren programar Luna nueva porque é máis rendible e xera colas nos cines”.
A solución para facer un cinema competitivo pasa na súa opinión por pensar no mercado global. “Se queremos exportar o galego e a diferenza da cultura galega, o que hai que facer é levala a China, a Singapur ou a Australia”. A realidade actual transita pola invisibilidade na que proxectos como A casa da luz, Os Crebinsky ou A noite que deixou de chover, filmes xa rematados, teñen para chegar ás pantallas. Neste sentido, segundo Fernández, hai que reformular o sector e pedirlle á administración que asuma a súa parte de responsabilidade, aínda que “recorrer sempre ás institucións non é competir culturalmente, pois unha cousa é protexer a cultura e outra que che arranxen os problemas”.
Fernández fai a súa propia proposta: “crear un circuíto alternativo de exhibición, utilizando as pantallas institucionais”. Considera isto totalmente factible e precisa que serviría para darlle as mesmas oportunidades ao cine galego que ao que está nas pantallas comerciais, sempre evitando convertelo “nun gueto”.

Máis dunha vintena de expertos en cinema

Ao longo dos dous días que duran as xornadas os protagonistas daquel momento frutífero e os creadores máis novos falarán de produción, novos formatos, novos problemas e novas iniciativas para afondar neses vinte anos que separan Cinegalicia do contexto actual e detectar os camiños axeitados de futuro. Máis dunha vintena de cineastas, produtores, críticos, realizadores ou guionistas falarán en 20 anos de Cinegalicia. Entre outros nomes, figuran no cartel os de Raúl Veiga, Pepe Coira, Eduardo Galán, Xavier Villaverde, Alfredo García Pinal, Carlos A.L. Piñeiro, Pancho Casal, Alfonso Zarauza e Luis Avilés.