DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta ferramenta electrónica permite ao alumnado amosar mellor o seu curriculum ou traxectoria

Os profesores achegaranse ao uso das redes sociais nos e-portfolios

Será no curso Deseño Técnico e Didáctico dun e-Portfolio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 19/01/2011
Á hora de realizar un currículo ou un portfolio do noso traballo temos moitas veces a sensación de que esas páxinas non conseguen reflectir axeitadamente a nosa traxectoria ou capacidades. As novas tecnoloxías permiten agora pasar estes documentos a formato electrónico e enriquecelos engadíndolles todo tipo de referencias, materiais adxuntos e reflexións que consideremos necesarios. É o e-portfolio, un instrumento ao que 20 profesores do campus de Ourense se achegarán o vindeiro mes de marzo a través do curso Deseño Técnico e Didáctico dun e-Portfolio.

O curso, organizado pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, pretende facilitar ao profesorado unhas competencias técnicas e metodolóxicas que lles permitan usar o e-portfolio nas súas materias, de acordo co novo proceso de ensino e aprendizaxe que impón o EEES. Para isto, achegaranse aos pasos necesarios para a súa construción e analizarán de forma práctica as diferentes ferramentas ao seu dispor e que son de interese para a construción dun portfolio electrónico.

“O e-portfolio é unha recompilación reflexiva que o alumno ou alumna vai realizando das vivencias do seu traballo, de por exemplo unha materia ou, o que sería ideal, da súa vida académica”, explica o profesor que impartirá a formación, José Vicente Novegil. Neste documento electrónico o estudante vai paulatinamente incorporando os seus traballos e actividades dun xeito enriquecido, a través de enlaces, documentos, fotografías, vídeos e reflexións propias e externas, de por exemplo, profesores. Ao final, o alumno dispón dun “curriculum ampliado e máis real” que poder empregar na súa vida profesional.

Abríndose a novos públicos

Novogil explica que estes instrumentos comezaron a ser empregados nas materias virtuais, aproveitando as posibilidades tecnolóxicas que ofrecían. Sen embargo, a súa utilidade quedaba limitada porque só podían acceder aos e-portfolios as persoas que participaban nesa materia. Coa xeneralización do uso das redes sociais, este profesor explica que se dá un salto máis e ábrese á posibilidade de que o portfolio poida ser visto e participado por todo tipo de públicos, segundo o grao de privacidade que o alumno lle queira dar.

Como exemplo do uso das redes sociais para enriquecer o portfolio, os docentes que asistan ao curso Deseño Técnico e Didáctico dun e-Portfolio coñecerán as posibilidades que ofrecen neste sentido as redes sociais, como a Rede Social da Universidade de Vigo.

As xornadas formativas, cuxo período de inscrición está aberto, celebraranse os días 1, 3, 10, 15, 17 e 22 de marzo, de 10.00 a 14.00 horas, en instalacións do campus de Ourense.