DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores ábrese o prazo de preinscrición e as clases comezarán en outubro

Os profesores aprenderán a adaptar as materias á docencia virtual

Aproveitando así as posibilidades que ofrece a formación on-line

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 13/07/2010

O Espazo Europeo de Educación Superior abre novas portas e alternativas para a docencia on-line, o que fai preciso non só a adaptación do profesorado a este novo tipo de formación, senón tamén a dos contidos académicos das súas materias. Para isto, a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade organiza nos meses de outubro e novembro un curso sobre A creación de contidos didácticos para a docencia online, para o que abre o período de preinscrición se abre este mércores 14 de xullo.

O curso, de modalidade semipresencial e 22 horas de duración, conta con 20 prazas e está destinado ao profesorado da Universidade que unicamente debe ter coñecementos elementais de informática e será impartido pola profesora Sonia Álvarez. O obxectivo é formar ao profesorado na elaboración e adaptación dos contidos para a docencia virtual, tanto total como semipresencial ou como complemento a súa docencia presencial.

Obxectivos do curso e prazos de matrícula

A finalidade do curso é proporcionar ao profesorado un método sistemático na elaboración e adaptación de contidos para a docencia online. Por unha banda, os asistentes coñecerán as características e posibilidades do ensino virtual e poderán adquirir os coñecementos necesarios para deseñar e estruturar os contidos dunha materia virtual, así como coñecer as características máis relevantes para un bo material escrito para a docencia virtual. Ao longo das 22 horas de duración do curso achegaranse tamén ideas e solucións para activar a implicación do alumnado no curso e definiranse os novos roles e funcións docentes que debe exercer o profesorado nas contornas virtuais de aprendizaxe.

A matrícula permanecerá aberta ata o vindeiro 12 de outubro e a docencia impartirase entre o 14 dese mesmo mes e o 12 de novembro. Tratándose dun curso semipresencial, o curso contará con tres bloques, dous presenciais que se impartirán o primeiro o 14 de outubro e o segundo o 11 e 12 de novembro e un taller virtual que terá lugar a través da plataforma Moodle do 15 de outubro ao 10 de novembro.

Tres bloques

O primeiro bloque, de modalidade presencial, centrarase na presentación do grupo e da contorna virtual de aprendizaxe e será fundamentalmente práctico. A partir da presentación, de xeito sintético, dos principios teóricos do tema formularanse unha serie de actividades (individuais e en grupo) que se compartirán ao longo da sesión de traballo.

O bloque virtual, que se impartirá a través de Moodle por medios asíncronos, consistirá nunha introdución á creación de materiais e recursos didácticos para a docencia online e terá unha duración de 16 horas. O obxectivo é coñecer as características e posibilidades do ensino virtual, adquirir os coñecementos necesarios para deseñar e estruturar os contidos dunha materia virtual, coñecer as características máis relevantes para un bo material escrito para a docencia virtual, achegar ideas e solucións para activar a implicación do alumnado no curso e coñecer cales son as funcións e os cambios do rol docente na virtualidade. Entre os contidos deste obradoiro online, os alumnos poderán achegarse á teleformación e as súas características, vantaxes, inconvenientes e modelo educativo. Aprenderán a elaborar un modelo de curso e coñecerán as características de interactividade e a estrutura do curso, así como a estrutura das unidades de aprendizaxe e a proposta dun modelo de unidade de aprendizaxe. Durante as 16 horas deste bloque segundo, o docentes coñecerán as pautas para o deseño de contidos en contornos virtuais, a escritura para a web, os requisitos mínimos de redacción, a mellora da comprensión, as características tipográficas do texto, o formato dos contidos, as normas para as referencias bibliográficas e consellos para facer o curso máis atractivo e fácil de usar, así como os novos roles e funcións docentes nos contornos virtuais de aprendizaxe.

Finalmente, o taller presencial no que consiste o bloque terceiro centrarase en aprender a compartir a experiencia nas contornas virtuais, compartimento de experiencias, coñecementos e propostas en ambientes virtuais e reflexión sobre elas. O obxectivo desta parte final é promover o intercambio de información entre o profesorado, compartindo a experiencia e o coñecemento.