DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xa está aberta a preinscrición

Os profesores aprenderán a facer blogs e wikis nun curso no campus

Terá lugar do 10 ao 19 de decembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/10/2008
Os profesores interesados en coñecer as principais aplicacións educativas da denominada Web 2.0 poden preinscribirse nun curso de formación que se vai realizar sobre o tema ao longo do mes de decembro en horario de mañá no campus de Vigo.
Na actualidade a web está sufrindo unha profunda transformación e a nova Web 2.0 supón unha nova forma de deseñar, usar e pensar en Internet. Ao longo deste curso daranse a coñecer as principais características e posibilidades desta ferramenta, revisando exemplos de distintas aplicacións e analizando as posibilidades educativas que poden ter.
Ensinar aos asistentes a crear blogs e wikis, aplicacións que se poden integrar na actividade docente e que facilitan a aprendizaxe colaborativa, será un dos puntos fortes do programa. Trataranse dende o propio concepto de blog ou wiki ata as principais características e usos didácticos. Ademais os participantes terán a posibilidade de crear o seu propio blog e wiki.

Un curso presencial de 20 horas lectivas

O curso, de modalidade presencial e 20 horas lectivas, será impartido polo profesor do Departamento de Informática, Pedro Cuesta, e está dirixido a todos os profesores da Universidade. O período de matrícula está aberto ata o 12 de decembro, se ben o número de prazas está limitado a 20, que se irán cubrindo por rigorosa orde de presinscrición.
Esta actividade inclúese dentro das accións formativas institucionais da Universidade para o ano 2008 e está organizada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa e a súa Área de Innovación Educativa.

Todas as persoas interesadas en matricularse deberán entrar na Plataforma de Xestión Académica Bubela